O Siñor Afranio regresa ao Trasdeza cun roteiro teatralizado pola terra natal de Antón Alonso Ríos o vindeiro sábado 12 de setembro

  • O Concello de Silleda, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e SIC Iniciativas Culturais organizan o sábado 12 de setembro unha xornada que percorrerá algúns dos espazos máis vencellados á vida e ao pensamento do ilustre silledense
  • Moncho Fernández Leal dará vida a Afranio do Amaral nun percorrido con contextualizacións históricas e xeográficas a partir dun texto elaborado por Julián Castro Vicente

Silleda, 25 de agosto de 2026. A figura de Antón Alonso Ríos volverá cobrar vida o vindeiro sábado 12 de setembro no territorio no que naceu e se criou. O Concello de Silleda, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e o colectivo silledense SIC Iniciativas Culturais organizan o Roteiro do Afranio no Trasdeza, unha proposta teatralizada que mesturará memoria, historia, patrimonio e paisaxe para achegarse á traxectoria dunha das figuras fundamentais do galeguismo do século XX.

O percorrido levará ás persoas participantes por algúns dos lugares que marcaron a infancia, a mocidade, o pensamento político e a propia experiencia vital de Alonso Ríos, nacido en Camporrapado, na parroquia de Cortegada, o 15 de agosto de 1887.

Ao longo da xornada, Moncho Fernández Leal interpretará a Afranio do Amaral, a identidade que Alonso Ríos adoptou durante a súa fuxida tras o golpe de Estado de 1936. As diferentes paradas estarán acompañadas por contextualizacións históricas e xeográficas a partir dun texto elaborado por Julián Castro Vicente, permitindo reconstruír a biografía do mestre, emigrante, agrarista e político a través dos propios escenarios da súa vida.

A participación no roteiro require inscrición previa a través do correo electrónico cultura@silleda.gal, con prazas limitadas. O Concello habilitará un autobús que partirá ás 09:30 dende a praza Siñor Afranio.

Do Candán a Camporrapado

O roteiro estrutúrase en tres grandes partes. A primeira levará ao Alto de San Bieito do Candán, un espazo cunha especial carga simbólica na historia de Alonso Ríos. A serra foi refuxio durante a súa fuxida en 1936 e ocupa tamén un lugar destacado na súa obra O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte. Memorias dun fuxido.

A segunda parte consistirá nun percorrido a pé duns 7,5 quilómetros, que partirá de Freixeiro, na parroquia de Laro, continuará por Oleiros e rematará en Camporrapado, en Cortegada, lugar de nacemento e crianza de Alonso Ríos.

Entre as paradas destaca a antiga Escola Rosalía de Castro de Laro, inaugurada en 1917 e primeira das escolas construídas no municipio pola Sociedad Hijos de Silleda de Bos Aires. O itinerario servirá para afondar no papel fundamental que Alonso Ríos concedeu á educación e á cultura como ferramentas de transformación social e tamén no movemento asociativo da emigración silledense.

O roteiro continuará pola igrexa de San Miguel de Oleiros, as inmediacións do Castro das Orelas e os petróglifos de Penalonga, incorporando así ao relato histórico o patrimonio e a paisaxe que rodearon os primeiros anos de vida de Alonso Ríos.

A chegada a Camporrapado terá un especial significado. Nesa antiga encrucillada de camiños e importante núcleo feiral naceu Alonso Ríos e alí pasou boa parte da súa infancia, moi preto da capela dos Aflixidos e do antigo campo da feira. O territorio, o traballo no campo e o contacto coa realidade do rural marcarían posteriormente o seu compromiso co agrarismo, coa educación e coa transformación social.

A pegada de Alonso Ríos na vila de Silleda

A terceira e última parte desenvolverase na propia vila de Silleda, cun pequeno percorrido de aproximadamente un quilómetro que permitirá descubrir tamén a pegada de Alonso Ríos no rueiro e na memoria colectiva da capital municipal.

O itinerario pasará pola rúa Antón Alonso Ríos e a antiga Praza da Feira Vella, pola Praza do Siñor Afranio, pola contorna das rúas Progreso e Emilio Alonso Paz, pola rúa República Arxentina e a Praza do Emigrante, e pola rúa Sociedade Fillos de Silleda, entre outros puntos.

Neste último tramo abordarase especialmente a relación da familia Alonso Ríos coa vila, onde rexentou varios establecementos comerciais; a importancia da emigración en Bos Aires; e o papel desempeñado pola Sociedad Hijos de Silleda, fundada na capital arxentina en 1908 e da que Alonso Ríos foi un dos seus impulsores.

A cita do 12 de setembro terá ademais un significado especial, ao servir para complementar unha serie de roteiros desenvolvidos nos últimos anos arredor da figura de Antón Alonso Ríos, cun percorrido que foi avanzando desde a zona de Tomiño ata chegar agora a Silleda e, particularmente, ás paisaxes da súa infancia e ao seu lugar de nacemento.

O roteiro do Trasdeza permitirá así completar xeograficamente ese itinerario pola memoria do Siñor Afranio, achegando ás persoas participantes aos escenarios nos que naceu e se criou e que tiveron unha influencia decisiva na súa formación e na súa posterior traxectoria vital.

A xornada terá tamén un carácter especial ao tratarse da última achega, dentro desta serie de roteiros, de Julián Castro Vicente e Moncho Fernández Leal, responsables durante estes anos da parte teatralizada das camiñadas.

Deste xeito, a proposta chega ao Trasdeza e á terra natal de Alonso Ríos para pechar simbolicamente esta etapa do percorrido, facendo regresar ao Siñor Afranio ás paisaxes onde comezou a súa historia .