O teatro toma o relevo na programación cultural coa compañía Bandullo Azul

Silleda, 17 de outubro de 2013. A programación cultural de Silleda continuará o vindeiro sábado día 26 coa proposta teatral de Bandullo Azul, unha nova compañía galega que xurdiu o pasado ano. A cita, dentro do programa Cultura no Camiño será no salón de actos da  Casa da Cultura de Silleda. Baixo a dirección de Evaristo Calvo, os actores Fran Campos e Fran Amexeiras darán vida ao mítico naúfrago da obra de Daniel Defoe e o seu criado na obra “A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres”. Trátase dunha comedia delirante para ver en familia que narra o día a día dos protagonistas na illa deserta. A cita será ás 20.30 horas no salón de actos, con entrada libre.

“Dende o departamento de Cultura animanos ao público a acudir o vindeiro sábado a esta cita teatral, ideal para disfrutar en familia”, sinala a concelleira de Cultura, Margarita Campos, sobre a nova proposta teatral de Bandullo Azul, con actores recoñecidos tanto polo seu traballo noutras compañías como a nivel individual.  Logo do éxito do concerto de Linho do Cuco, celebrado o pasado venres 11 na Bandeira, o teatro será protagonista a vindeira fin de semana en Silleda co programa Cultura no Camiño.