O vindeiro luns constitúese o Consello Municipal de Deportes

Silleda, 11 de setembro de 2013. O vindeiro luns día 16 terá lugar a constitución do Consello Municipal de Deportes, un dos órganos de participación sectoriais creados ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá. Dita constitución foi acordada o pasado martes nun encontro ao que asistiron representantes das dez entidades deportivas do municipio de Silleda, así coma o concelleiro de Deportes, Klaus Brey, e a futura concelleira de Participación Cidadá, Pilar Peón.

A convocatoria, logo desta reunión previa, quedou fixadas para o luns 16, ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Silleda.

“Con esta iniciativa seguimos a desenvolver o Regulamento de Participación Cidadá e a dar cumprimento ao texto aprobado polo pleno no seu día e en vigor dende decembro de 2011”, sinala Klaus Brey.

Con esta iniciativa tan só quedaría pendente de constituir o Consello Económico e Social, logo da posta en marcha dos Consellos de Cultura e de Educación.

No marco desta nova entidade debatiranse cuestións relativas ao funcionamento dos clubes e entidades deportivas, e distintos temas e actividades relacionados co ámbito deportivo no termo municipal de Silleda.

Na reunión previa estiveron presentes representantes da S.D Bandeira, C.F Laro, C.F Lamela, S.D Silleda, Clube Petanca Bandeira, Dezarco, Toxarco, Escola de Fútbol de Silleda, Clube de Xadrez Ágora e Sociedade de Caza e Pesca.