O vindeiro venres celébrase na praza da Igrexa de Silleda a cita coa segunda edición de ‘Libros na rúa’, ca venda de exemplares a 1 euro

– A concellería de Educación, xunto con centros e Anpas promove esta actividade educativa e solidaria. A recadación destinarase ao programa municipal Silleda Solidaria. Tamén haberá actividades complementarias coma obradoiros e contacontos

 

Silleda, 24 de maio de 2016.  O vindeiro venres 27 de maio celebrarase en Silleda a segunda edición do mercadiño solidario de libros. Baixo o lema Libros na rúa poñeranse á venda exemplares de segunda man a un prezo unitario de 1 euro. A cita, enmarcada no programa cultural do Mes das Letras, está organizada dende a Concellería de Educación, que dirixe Pili Peón, e conta con unha dobre vertente.

Así, ademais de ser unha aposta educativa e relacionada coa promoción da lectura tamén terá un carácter solidario, xa que a totalidade da recadación se destinará ao programa municipal Silleda Solidaria, que atende ás familias con menos recursos.

O certame terá lugar na praza da Igrexa de Silleda, en horario en de 11.00 a 21.00 horas. Alí estarán colocados tres postos onde o público poderá adquirir os exemplares usados á venda.

Participan neste certame o CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira, o IES Pintor Colmeiro, a Anpa e o CEIP de Silleda, e a Anpa Meniños do Colexio María Inmaculada. Ademais dos libros recollidos por estes centros e anpas participantes, aos que se agradece dende o Concello a súa implicación, tamén se poñerán a venda lotes de libros doados pola Biblioteca Municipal Daniel Castelao e pola Asociación Avanza Trasdeza.

Actividades durante a xornada

Ademais da venda de libros, tamén se celebrarán actividades ao longo da xornada. Así durante a mañá haberá obradoiros de chapas e de minicontos en horario de 11:45 a 13:30, e tamén durante todo o día se celebrarán sesións de contacontos.

Ás 10:30 terá lugar o primeiro de eles, “Fiz, o coleccionista de medos”, a partires das 12:30 “Contos ao revés”, e xa pola tarde a sesión rematará ás 18:00 horas con “Érase un sombreiro”.

Dende o goberno municipal agradécese a implicación dos centros e das Anpas nesta cita “coa que ademais de fomentar a lectura entre os máis novos, estamos a axudar a moitas familias que o precisan”. Tamén se anima ao público a secundar a proposta de Libros  na rúa acudindo nesta xornada a mercar libros.