O xurado decide deixar deserto o concurso do motivo institucional do Concello

Silleda, 29 de maio de 2013. O xurado do certame para elixir o motivo institucional do Concello de Silleda decidiu deixar deserto o  concurso. Presentáronse un total de 3 artistas con 4 traballos, aínda que ningún deles cumpría os requisitos. Así, un foi presentado fóra de prazo, outro non cumpría coa forma de presentación, e outros dous superaban o prezo establecido nas bases (que era de 10 euros).

Deste xeito, os membros do xurado decidiron modificar as bases para realizar unha nova convocatoria, con criterios máis flexibles a fin de conseguir unha maior participación. Entre os puntos que se abordaron figuran o cambio en canto ao prezo da peza (ampliando o custe da mesma, ata un máximo de 40 euros), e o establecemento dunha serie de puntos tanto por valores estéticos coma polo prezo do motivo institucional.

O xurado estivo presidido pola alcaldesa Paula Fernández, e formado, tal e como se fixaba nas bases polos concelleiros de Cultura (Margarita Campos); Participación Cidadá (Manuel Cuíña); e Turismo (Klaus Brey), así como por tres profesionais do mundo do Deseño (José Antonio Martínez); a publicidade (Sehila Rodríguez) e do xornalismo (Blanca Paz). Dende a Concellería de Cultura darase a conocer nas vindeiras semanas os cambios nas bases, cos que se agarda unha maior resposta por parte dos artistas e artesáns.