Os bonos para as piscinas municipais están xa á venda no Rexistro Xeral do Concello

-Os dous recintos abrirán o vindeiro día 1 de xullo, co mesmo horario que o pasado ano, e coa oferta de cursos de natación durante as mañás

Silleda, 28 de xuño de 2016. O vindeiro venres día 1  de xullo abrirán ao público os dous recintos das piscinas municipais, (en Silleda e A Bandeira). O horario será o mesmo que o do ano pasado: de 14.00 a 21.00 horas, de luns a venres  e o sábado e  domingo abrirán de forma continuada dende as 15.00 ás 21.00 horas. Pola semana impartiranse,  como vén sendo habitual, cursos de natación en horario de 12.00 a 14.00 horas. Todas as persoas interesadas en participar poden informarse e inscribirse nas piscinas a partir do día da apertura, falando cos socorristas.

O custe da entrada será de 1 euro por día, tal e como recolle a ordenanza de instalacións deportivas aprobada en 2011, e abonarase nas propias instalacións.

Tamén  están xa á venda no Concello (nas dependencias do Rexistro Xeral, os bonos para toda a tempada. O prezo será, para os residentes no municipio, de 20 euros, e de 16 euros para nenos ata os 16 anos. Para os non residentes, os bonos de adulto custan 35 euros e os de nenos 25 euros.

Así mesmo, as persoas que estean empadroadas no municipio de Silleda poderán mercar bonos familiares. Para os dous cónxuxes custarán 20 euros; se se inclúe un fillo este pagará 16 euros; se son dous fillos, 8 euros, e a partir do terceiro fillo, 0 euros.

Nesta mesma semana celébranse tamén as probas de selección dos tres socorristas que atenderán os recintos das piscinas, tanto polas mañás nos cursos de natación, coma polas tardes en horario de apertura ao público.