Os documentos notariais cedidos polo propietario do pazo de Sestelo xa están no Arquivo Provincial

Silleda, 21 de novembro de 2013. Os documentos sobre protocolos notariais que se conservaban no pazo de Sestelo, en Siador, xa foron trasladados ás dependencias do Arquivo Provincial de Pontevedra. Personal do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación provincial desprazouse en días pasados a Silleda para recoller os 40 arquivadores en total que conteñen estes documentos antigos, que datan dos séculos XVI, XVII e XVIII, que se viñan gardando no pazo, propiedade de D. Roberto José Rivas Martínez.

Con estes protocolos notariais, nos que recollen negociacións da vida civil daquela época, cando o Concello de Silleda estaba ubicado en Chapa, elaborarase unha base de datos que permita describir os contidos de cada documento. Con esto, búscase facilitar o proceso de recollida de información dos sumarios en cada un dos libros de protocolos, e a partir de isto, elaborar un rexistro de cada documento, cos datos que ofrecen.

Unha vez feito este procesamento de datos, o Arquivo Provincial comprométese a devolver a documentación no menor prazo de tempo posible, así como á entrega da base de datos resultante, tanto ao titular da documentación como ao Concello de Silleda, de cara á dotación do Centro de Documentación Histórica que se busca crear.

O pasado mes de outubro varios técnicos  do Arquivo Provincial de Pontevedra visitaron illeda para ter unha primeira toma de contacto con estes  documentos, que se atopan bo estado de conservación, tanto no tocante ao papel como da tinta.

O equipo técnico realizou despois un informe sobre o estado do material, papel e escritura para remitir á Presidencia da Deputación de Pontevedra, que determinará a conveniencia de dixitalizar estes documentos, tal e como se solicitou dende a Alcaldía.

En varias fases

A realización da base de datos consitituirá a primeira fase do proceso, cun resumo e índice dos contidos. Deste xeito, dende o Concello poderase facer unha selección dos documentos de maior interese. Nunha segunda procederíase a dixitalizar os documentos, e a terceira e máis complicada pasaría pola transcrición dos seus contidos.

O alcalde, Manuel Cuíña agradece á Deputación de Pontevedra á súa dilixencia á hora de realizar esta valoración “xa que a resposta foi moi rápida”. Cuíña reitera, en nome de todos os veciños e veciñas de Silleda “a nosa gratitude a Don Roberto Rivas por ceder esta valiosa documentación, que seguro nos aportará novos datos sobre a historia do noso municipio e por poñer este magnífico legado á disposición do público”.

Rivas é descendente de Francisco Mª de Rivas, veciño de Siador (era o seu tataravó) e alcalde de Chapa (parroquia onde estivo situado o Concello a mediados do século XIX). Ademais, Francisco de Rivas foi o que promoveu a creación do Santuario de Siador, o primeiro adicado en España á virxe da Saleta, encargando no ano 1863 a imaxe de ao escultor Magariños, que foi traída a ombreiros dende Compostela a Siador.

Por outra banda, os documentos do arquivo persoal de Rivas Martínez relacionados coa Saleta serán protagonistas doutras acción incluídas dentro da programación do 150 aniversario da fundación do santuario da Saleta.