Os membros do Club do Centro Social dos Maiores terán descontos en máis establecementos de Silleda

Silleda, 17 de abril de 2019.  O Club do Centro Social dos Maiores, que coordina a Concellería de Benestar Social e Igualdade, dirixido por Pili Peón, conta a día de hoxe con 11 establecementos colaboradores nos que se ofrecen descontos aos membros do club.

Así, esta lista de comercios e servizos súmanse Mercería Sonia e Arcolar 2000, de Silleda, establecementos que xa contan nas súas instalacións co distintivo que os acredita como colaboradores.

Os membros do club tamén poden disfrutar de descontos en ópticas (Titanium e Silva), en Serinter (servizos de podoloxía e ortopedia),  en Ternatur (podoloxía e benestar); en varias clínicas dentais (Pena Rodríguez, Marta Macías e Manuel J. López García; en A Parafarmacia; e na tenda de decoración María Lodeiro.

Dende a Concellería de Benestar Pili Peón agradece a colabroación destes establecementos e sinala que con esta iniciativa “búscase ademais de ofrecer descontos e vantaxes aos maiores dinamizar tamén a actividade comercial no noso municipio”. Do mesmo xeito, a  concelleira explica que todos aqueles comercios ou empresas interesados en colaborar con esta iniciativa poden poñerse en contacto co departamento, dirixíndose ao Centro Social dos Maiores ou ben chamando ao 986 592037.

 

Dende o Club do Centro Social, que naceu no ano 2012, tamén se organizan distintas actividades gratuitas promovendo a estimulación dos maiores dende o punto de vista físico, emocional… ou organizando excursións, entre outros.

Ademais, tamén se remitiron cartas a todos os socios e socias informando dos establecementos colaboradores.