Óscar Caramés García expón as súas pinturas na Casa da Cultura

A Casa da Cultura de Silleda acollerá unha exposición con obras pictóricas de Óscar Caramés García, veciño da parroquia de Siador. A mostra poderá visitarse ata o día 11 de outubro e conta con preto de unha ducia de obras realizadas por este mozo autodidacta con distintas técnicas (acrílico, óleo…). Figura tamén un acrílico sobre mármore, que leva por título “Madurando”.

A inauguración da mostra contará cun pequeno ágape para os asistentes, o venres 27 ás 20.30 horas. Óscar Caramés García, alumno da pintora silledense Marisa Miguélez, realizou a súa primeira exposición aos 18 anos, tamén na Casa da Cultura de Silleda. Entre as súas creacións figura tamén unha reproducción en escaiola da Virxe do Leite.

Os cadros expostos estarán tamén á venda durante a duración da exposición. Dende a Concellería de Cultura, Margarita Campos, enmarca esta exposición no impulso que dende o departamento se lle quere dar tamén a autores e creadores locais.