- As dúas iniciativas municipais, vinculadas tamén ao programa Adestra a túa Saúde, retomaranse no outono
Silleda, 30 de xuño de 2026. O Concello de Silleda vén de pechar a tempada dos programas Silleda Camiña e Silleda MoveMente, dúas iniciativas municipais vinculadas á promoción da actividade física, da saúde e do benestar que reuniron durante estes meses a máis de 70 persoas participantes.
A concelleira de Deportes, Mónica González, participou onte na última sesión da tempada, onde agradeceu ás persoas asistentes a súa implicación, constancia e participación ao longo destes meses. González puxo en valor “o ambiente de convivencia, saúde e acompañamento” xerado arredor destes programas, que se consolidan como espazos de encontro e actividade física adaptada para a veciñanza.
Silleda Camiña, posto en marcha no ano 2021, continúa a ser unha das propostas municipais de referencia para fomentar a actividade física ao aire libre, a socialización e o coñecemento do territorio. O programa permite realizar rutas saudables en distintos puntos do municipio, favorecendo a participación da poboación adulta e maior.
Pola súa banda, Silleda MoveMente botou a andar en 2025 como unha nova proposta de actividade física guiada, ligada tamén ao Plan de Saúde Mental municipal. A iniciativa céntrase en exercicios de mobilidade ao aire libre, estiramentos, equilibrio, respiración consciente e benestar emocional, incorporando a música como elemento motivador e de acompañamento nas sesións.
Ambos programas están vencellados á estratexia autonómica Adestra a túa Saúde, coa que o Concello de Silleda busca fomentar hábitos de vida activos, reducir o sedentarismo e favorecer a saúde física, emocional e social da veciñanza.
Mónica González destacou que “o deporte tamén é saúde, convivencia e prevención”, incidindo en que este tipo de propostas “axudan a crear rutinas saudables, a mellorar o benestar das persoas participantes e a combater situacións de illamento ou soidade non desexada”.
A concelleira agradeceu tamén o traballo das persoas encargadas de dirixir as sesións e a confianza das persoas participantes, sinalando que “a mellor mostra do éxito destes programas é ver como se foi creando grupo, como a xente agarda cada sesión e como a actividade física se converte tamén nun espazo de relación e apoio mutuo”.
Os programas Silleda Camiña e Silleda MoveMente farán agora unha pausa durante o período estival e retomarán as súas sesións no outono, coa vontade de seguir ampliando e consolidando propostas saudables para a veciñanza do municipio.
