Presentada a comisión de festas de verán 2017 de Silleda

Silleda, 23 de setembro de 2016. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e a concelleira de Turismo, Ana Luisa González Costa, recibiron hoxe no Concello á directiva da Asociación de Festas de Silleda, que se encargará de organizar os festexos de verán da localidade a partir do vindeiro ano 2017.

O grupo, con 8 veciños,  está formado por membros da comisión que xa organizou os últimos festexos, en 2015  e por tres novos integrantes. Así a Antonio Rodríguez Loureiro; Manuel Taboada Ínsua, José Antonio Soto Rozados; José Raúl Sanmartín Chao; e José Luis Val Diéguez (que xa estiveron en 2015) súmanse agora Juan Ramón Fondevila García; Modesto García Montero e Manuel Mato Frade.

Cuiña deu a benvida aos organizadores aos que fixo un especial agradecemento polo esforzó que implica organizar unhas festas. O alcalde tamén recalcou que a comisión se presenta con vocación de continuar durante varios anos “co que se dará estabilidade aos festexos de verán de Silleda”, dixo lembrando que este ano o programa se reduciu só a Festa gastronómica do Lacón.

Cuiña, que ofreceu tamén o apoio institucional do Concello de Silleda e de toda a Corporación, tamén destacou o traballo realizado pola concelleira Ana González para lograr contar cunha comisión.

Pola súa banda, o presidente do grupo, Antonio Rodríguez, indicou que xa están traballando coa venda de lotería e que tratarán de ampliar a máis xornadas o programa festivo, que terá o seu epicentro na fin de semana do 7, 8 e 9 de xullo do vindeiro ano. O orzamento previsto é de 75.000 euros, dez mil máis que en 2015. Tamén se prevé recadar fondos con sorteos de carácter deportivo, o libro das festas e o petitorio aos veciños.