Presentadas nove ofertas ao concurso para a instalación de placas solares fotovoltáicas no polígono Área 33

Silleda, 17 de outubro de 2013. O prazo para participar no concurso para o contrato de subministración para instalar un sistema de placas fotovoltáicas destinadas ao autoabastecemento do alumeado exterior no parque empresarial Área 33 de Silleda rematou onte mércores día 16 cun total de 9 ofertas.

Como algunhas das firmas aspirantes presentaron a documentación en Correos, coa debida certificación,  a mesa de contratación terá que agardar uns días para reunirse. Este contrato mixto de subministro e servizo tramítase por procedemento aberto e de forma urxente. O orzamento de licitación é de 119.433,75 euros, IVE incluído. O prazo de execución dos traballos é de 30 días naturais a partir da adxudicación.

O Concello de Silleda concorreu  hai meses ás axudas para a habilitación e mellora de infraestructuras nos parques empresariais de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Esta actuación ten como obxectivo a mellora da instalación enerxética do parque empresarial Área 33 e a tamén aspectos relacionados coa seguridade.

O que se plantexa é unha actuación integral de eficiencia enerxética no alumeado público do polígono, coa instalación dunha planta de xeración fotovoltáica que alimentaría o parque empresarial e que ao mesmo tempo modernizaría o sistema enerxético da zona, onde se veñen rexistrando determinadas carencias.

Con esta iniciativa, a combinación da xeración fotovoltáica cun sistema que regule a potencia consumida, permitirá a reducción da dependencia do alumeado no polígono das redes convencionais en máis dun 85%.