Preto de 500 alumnos/as asisten o vindeiro luns día 27 ao concerto didáctico Hansel e Gretel, de Quinteto Pentafonía e Títeres Seisdedos

Silleda, 21 de outubro de 2014. O vindeiro luns celebrarase no auditorio da Semana Verde un concerto didáctico para o alumnado silledense. A cita será con Hansel y Gretel, un espectáculo didáctico a cargo de Quinteto Pentafonía e Títeres Seisdedos. Comezará ás 11.00 horas.

Esta prevista a asistencia en total de preto de 500 alumnos e alumnas, procedentes dos CEIP de Silleda e Bandeira, e do Colexio Plurilingüe María Inmaculada.  Con este recital, baseado nas aventuras dos irmáns do coñecido conto dos irmáns Grimm, ofrecese unha selección musical do compositor Engelbert Humperdink , executada por cinco instrumentos de vento.

O Quinteto Pentafonía estará acompañado no escenario polos títeres da compañía Seisdedos. Con este concerto, búscase propiciar entre o público infantil unha actitude aberta e positiva ante as expresións dramáticas e musicais, así como estimular a satisfacción pola escoita de música en directo, promovendo a atención e apreciación das actividades artísticas, entre outros obxectivos.

O concerto, organizado dende a Concellería de Cultura e a Concellería de Educación de Silleda,  compleméntase con unha guía didáctica, pensada como material de traballo na aula, para reforzar os contidos aprendidos no concerto didáctico. O quinteto Pentafonía e Seisdedos agardan que este material educativo sirva para enriquecer tanto a labor docente como a relación do alumnado con mundo da música e do teatro.