Primeira sesión dos seminarios de economía doméstica en Silleda

Silleda, 21 de abril de 2016.  A Concelleira de Benestar e Igualdade, Pili Peón presentou a primeira das sesións dos seminarios de economía doméstica promovido polo Centro de Información ás Mulleres do Concello de Silleda, que tivo lugar esta tarde na Casa de Cultura.

A edil, que lle dou a benvida a tódalas asistentes, destacou a importancia destes seminarios para economizar gastos na familia e autoadministrarse en estes tempos de crise.

Esta primeira charla, chamada “Relacións con entidades financeiras” contou co cheo total da convocatoria, congregando así a 25 mulleres interesadas.

Impartida por Elisa Lodeiro Vázquez, Licenciada en Administración e Dirección de Empresas, e tamén experta en xestión económico financeira, contabilidade e auditoría, a xornada, de dúas horas de duración, tivo a seguinte programación:

1.     Introdución á economía doméstica

  • Elaboración dun orzamento familiar como paso previo para conseguir unha adecuada xestión da economía doméstica.
  • Establecer cales son as necesidades básicas: Unha forma de optimizar o gasto é planificalo.
  • Determinar o nivel de endebedamento e financiamento necesario en relación con ingresos  que ten a unidade familiar.

2.     Xestión da economía doméstica

  • Presentación das distintas formas de financiamento: familiares, entidades financeiras, entidades de diñeiro rápido

3.     Análise custe/risco de cada fonte de financiamento

  • Negociación con entidades prestamistas para minimizar o custe financeiro
  • Interpretación da “letra pequena” que aparece en tódolos contratos/produtos financeiros.

Este foi o primeiro dos seminarios dun total de seis que se impartirán ó longo dos vindeiros meses.

O seguinte, que tratará temas de aforro de enerxía no fogar, celebrarase o próximo mes de maio, para o que anteriormente se abrirá o prazo de inscrición, xa que se conta cun aforo limitado de 25 persoas.