O Concello de Silleda quenta motores para o 50 aniversario da Festa da Empanada da Bandeira

 

  • A celebración, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, conmemora medio século de historia como un dos grandes referentes gastronómicos do municipio.

Silleda, 14 de agosto de 2026.A Bandeira prepárase para vivir a vindeira fin de semana ha edición moi especial da súa tradicional Festa da Empanada, que este ano celebra o seu 50 aniversario. O Concello de Silleda quere poñer en valor esta efeméride, que conmemora cinco décadas dunha celebración que se converteu nun dos grandes sinais de identidade da localidade e nun referente gastronómico máis alá do ámbito municipal. Os festivais Bandeirock e Esmorga Folk serán o apertivo desta celebración gastronómica.A  Festa da Empanada da Bandeira conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, sendo a única festa gastronómica do municipio que dispón deste recoñecemento. Unha distinción que pon de manifesto a relevancia dunha cita que, ao longo dos anos, soubo preservar e promover a tradición gastronómica, ao tempo que se consolidou como un importante punto de encontro para a veciñanza e para as persoas que cada ano se achegan ata A Bandeira.

Esta edición terá, polo tanto, un significado especial, ao celebrar medio século de historia arredor dun dos produtos máis emblemáticos da gastronomía galega. Cincuenta anos de tradición, participación e promoción dos sabores propios, grazas tamén ao traballo e á implicación das persoas que contribuíron a manter viva a festa xeración tras xeración.

Coa vista posta nesta celebración histórica, comeza a conta atrás para unha nova edición na que a gastronomía, a música e as actividades programadas volverán ser protagonistas.

Xa poddedes coñecer a programación completa desta edición especial na que se recollen as diferentes propostas previstas para conmemorar este 50 aniversario.

O Concello de Silleda anima a veciñanza e ás persoas visitantes a sumarse a esta celebración tan significativa para A Bandeira e para o conxunto do municipio, que chega aos seus cincuenta anos reafirmando o seu papel como unha das grandes citas do calendario festivo e gastronómico local. Medio século de historia, tradición e sabor para celebrar como merece a Festa da Empanada da Bandeira. Así mesmo dende o Concello e a Asociación Amigos da Empanada destácase a colaboración das Administracións con esta festa, caso da Xunta de Galicia, que a través do convenio entre o Concello, a Axencia Turismo de Galicia e Abanca aporta 30.000 euros á celebración, ou da Deputación de Pontevedra con outra achega de 7.000 euros a esta celebración de Interese Turístico Naciona.