Publicadas as bases das axudas para estudiantes e material escolar

-Unha vez transcorrido o prazo de publicación abrirase a convocatoria. Cando se aprobé esta última, aproximadamente nun mes, será cando se estableza o prazo se solicitudes para estas becas do Concello de Silleda
Silleda, 7 de outubro de 2022. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publica hoxe as bases reguladoras das becas municipais para estudantes universitarios e de ciclos formativos durante este curso, así como as bases das axudas complementarias para material escolar de familias que precisan dunha especial protección. A contía destas dúas accións en materia de axuda ao estudo é de 20.000 euros.
No caso das axudas a estudantes universitarios e de ciclos formativos, o importe máximo da subvención por beneficiario/a será de 450 euros, para o curso 2022/2023. Poderán optar a estas axudas persoas residentes e empadroadas no municipio de Silleda (alomenos un ano antes da publicación das bases), e que cursen os referidos estudos universitarios e ciclos formativos. Así mesmo, a renda per cápita familiar debe de ser igual ou inferior a 6.000 euros.
Ao igual que aconteceu xa nos últimos anos, as axudas serán con ingreso directo na conta bancaria dos beneficiarios.
Dende a Concellería de Educación, que dirixe Ángela Troitiño, aclárase que no caso destas dúas liñas, o prazo para formalizar as solicitudes se abrirá unha vez publicada a convocatoria, que se realizará aproximadamente no prazo dun mes, unha vez transcorrido o tempo de publicación no boletín.
“Se ben para o transporte moitas persoas estudantes poderán contar cos beneficios da Tarxeta Xente Nova, dende o Concello de Silleda queremos seguir apoiando aos nosos mozos e mozas, visto o esforzo que supón cursar estudos fóra do municipio, por iso continuamos apostando por estas becas”, indica a concelleira Ángela Troitiño.
Axudas para material escolar
As axudas complementarias para libros de texto e material escolar están destinadas a familias que precisan dunha protección especial ou ben teñen a todos os seus membros en situación de desemprego.
Todas estas axudas chegan con cargo ao orzamento municipal, no que se reservou unha partida específica de 20.000 euros para estas subvención de apoio ao estudo e a formación. A continuación, as bases das dúas convocatorias: