Publicadas as bases para a selección de tres traballadores desempregados como socorristas das piscinas municipais de Silleda

– As bases poden consultarse no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello, (www.silleda.es)

– Contrataranse dende o 1 de xullo e ata o 15 de setembro. Os interesados poderán presentar a documentación ata o próximo día 26

 

Silleda, 20 de xuño de 2016. O Concello de Silleda vén de publicar as bases para a selección de tres socorristas das piscinas municipais. As bases regulan o procedemento para a súa contratación por un período de dous meses e medio.

Así os contratos serán dende o 1 de xullo, data na que se prevé abrir as instalacións de Silleda e da Bandeira, ata o 15 de setembro.

Para optar ás prazas os aspirantes deben de estar inscritos como desempregados/as no Servizo Público de Emprego de Galicia e reunir ademais unha serie de requisitos, entre eles o de estar en posesión do Título Oficial de Socorrista Acuático ou titulación equivalente que a englobe. Deberá de acreditarse  mediante documentación oficial e  inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia de conformidade co disposto no Decreto 104/2012, do 16 de marzo.

Aquelas persoas interesadas  deberán presentar no Concello  a través o rexistro  xeral a documentación que se especifica nas bases O prazo tope para a devandita presentación será o vindeiro 26 de Xuño de 2016.

Entre os documentos a presentar figuran a solicitude de participación anexas ás bases, o Título  Oficial de Socorrista Acuático  ou equivalente homogado, acreditación e inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas, fotocopia compulsada do DNI, fotocopia compulsada do carné de conducir,  copia da tarxeta de demanda de emprego actualizada, e os certificados correspondentes aos méritos alegados, entre outros.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, serán publicadas no taboleiro de anuncios do Concello as listas de admitidos e excluídos coa motivación da exclusión, elevándose á definitiva a lista provisoria de admitidos de  non existir excluídos e outorgaranse un día hábil aos excluídos para que no seu caso presenten alegacións. Trala lista provisoria elevada a definitiva ou a lista definitiva de admitidos, procederase a determinar ao día e hora en que se reunirá o Tribunal cualificador para valoración dos méritos dos aspirantes admitidos e citarase aos aspirantes para a entrevista persoal.

As bases, que xa se poden consultar na web municipal de Silleda, establecen a composición do tribunal cualificador, cuestións relativas a puntuación no concurso e á contratación.

A data de apertura das piscinas está prevista para o vindeiro día 1 de xullo. A partir desta data, as persoas que queiran acudir aos cursiños de natación, que serán en horario de mañá, tamén se poden inscribir nas piscinas, onde continúan as tarefas de limpeza e posta a punto das instalacións.