Récord de participación no III Concurso de Microcurtas e Microrrelatos, con máis de 130 traballos presentados

Silleda, 2 de maio de 2014. O prazo para participar no III Concurso de Microrrelatos e Microcurtas, convocado pola Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, rematou con un récord absoluto de participación. Así no tocante ao concurso de escrita, rexistraronse un total de 134 traballos, 19 deles na categoría de 6 a 12 anos e un total de 115 na de 13 anos en adiante.

O lema de ámbalas dúas seccións é a Terra de Trasdeza. No caso das Microcurtas recibíronse un total de 9 creacións.

A concelleira Margarita Campos amosa a súa satisfacción “pola elevadísima participación” deste ano nos certames “cos que buscamos  fomentar a creatividade ademais de contribuir ao uso do galego sobre todo entre a poboación máis nova”, engade. A orixinalidade e a creatividade dos traballos serán as liñas básicas para xulgar os traballos nos dous casos.

Os certames forman parte da programación deseñada dende a Concellería con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, que se complementará ao longo deste mes de maio con outras actividades. O fallo dos concursos darase a coñecer o vindeiro día 9 de maio.

O xurado estará presidido pola concelleira Margarita Campos e no caso das microcurtas contará coa  valoración realizada por dous profesionais do sector audiovisual e por outros dous profesionais dos medios de comunicación no caso dos microrrelatos.

O gañador ou gañadora da sección audiovisual levará como premio unha tablet valorada en 100 euros, e o centro educativo ao que pertenza, de ser o caso, un lote de libros en galego. O premio de microrrelatos, ao igual que en anos anteriores consistirá nun e-book ou libro electrónico, e tamén se entregarán libros aos centros educativos, se os galardoados pertencen a algún centro educativo.