Rematadas as dotacións das caldeiras de biomasa na Escola de Música e na Casa do Concello

Silleda, 7 de outubro de 2016. O Concello de Silleda, a través do departamento de Obras e Servizos que dirixe Klaus Brey, vén de rematar a instalación das caldeiras de biomasa en dous edificios públicos municipais: a sede da Escola de Música e a Casa do Concello. Esta dotación, que supuxo en total un investivento de case 80.000 euros, mellorará as condicións destas dúas instalacións municipais, ademais de lograr un maior aforro no consumo de enerxía. Estas actuacións foron financiadas nun 80% polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a través dunha das súas liñas de subvención.

No caso da Escola de Música, tendo en conta as dimensións do edificio colocáronse dúas instalacións que se poñerán en funcionamento este outono, ao igual que no edificio consistorial.

Con estas son xa tres as dependencias municipais que contan con caldeiras de biomasa, logo de que o ano pasado se procederá a instalación dunha na Casa da Cultura de Silleda.

“Estas instalacións teñen un maior rendemento e sobre todo aforro en cuestións coma a calefacción”, explica Klaus Brey, que visitou hoxe a instalación realizada na Escola de Música.