Rematadas as obras da beirarrúa no tramo de Morón

Silleda, 23 de xaneiro de 2014. O Concello de Silleda acaba de rematar a colocación da baldosa na rúa Morón. Operarios municipais realizaron nos últimos días estes traballos para completar un dos tramos das beirarrúas que quedou sen realizar.

Unha vez acabadas estas tarefas procederase tamén ao lavado das beirarrúas na avenida da Estación, á que da acceso este tramo da rúa Morón.

 “Con estos traballos as beirarrúas da zona, moi frecuentada tanto por veciños e veciñas como por usuarios dos centros escolares que se atopan nas inmediacións quedarán completamente rematadas”, apunta o alcalde, Manuel Cuiña.  Estas obras veñen a rematar todo o circuito de beiravías no entorno da rúa da Estación, que completará en breve co inicio das obras de mellora da estrada de Vilanova, dende a citada rúa ata a N-525 (a altura do tanatorio). Estes traballos adxudicados á empresa Endenor por 110.000 euros, iniciaranse nas vindeiras semanas e incluirán a dotación de unha senda peonil na marxe esquerda da calzada (baixando cara a estrada nacional).

“Logo de pagar as débedas que herdamos pola actuación irresponsable durante moitos anos dos gobernos do PP agora estamos a finalizar as obras que deixaron a medias”, engade Cuiña, que explica que nos vindeiros días tamén se acometerá a dotación de baldosas noutros tramos de beirarrúas na Bandeira que tamén están sen rematar dende hai tempo.