Rematadas as obras de instalación do ascensor na Casa da Cultura de Silleda

-A firma adxudicataria, Endenor, rematou os traballos nos últimos días

-En vindeiros días procederase á firma do contrato de mantemento, o que permitirá a posta en servizo do ascensor

Silleda, 4 de xullo de 2016. As obras da colocación do ascensor da Casa da Cultura de Silleda están xa rematadas. A empresa que resultou adxudicataria dos traballos -Endenor S.L.- finalizou en días pasados os traballos para contar con esta dotación. O ascensor está situado na fachada traseira do edificio, tal e como se recollía no proxecto aprobado polo goberno municipal.

Con esta dotación mellorase substancialmente a accesibilidade neste edificio público. O alcalde, Manuel Cuíña, e o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, visitaron as obras coas xa finiquitadas coas que se da cumprimento a un dos servizos máis ansiados neste inmoble.

“A instalación do ascensor na Casa da Cultura era unha necesidade. Nos vindeiros días, unha vez que se poña en funcionamento, veremos por fin como se melloran as condicións deste edificio que ata agora carecía deste servizo”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

A posta en servizo do ascensor, queda pendente da firma do contrato de mantemento, que terá lugar nos próximos días.

Os traballos supuxeron unha inversión de máis de 50.000 euros. Esta dotación súmase á caldeira de biomasa que quedou instalada o pasado ano no recinto –onde tamén se ubican as dependencias da biblioteca- e que xa está a supor un aforro no tocante ao consumo enerxético.

Con estas dúas novas dotacións Cuiña advirte que o edificio “está a mellorar sustancialmente as condicións de habilitabilidade” e lembra a súa proposta de realizar nos vindeiros días un referéndum para consultar “a todos os cidadáns o posible traslado do Concello a actual Casa da Cultura”.

Con esta iniciativa búscase centralizar todos os servizos municipais nun só recinto “facilitando e axilizando os trámites aos usuarios e logrando ademais un maior aforro económico”.

En todo caso, o rexedor sinala que a súa proposta será explicada por completo nas reunións programadas para os vindeiros 13 e 14 de xullo en Bandeira e Silleda, para que logo “sexa refrendada pola opinión maioritaria dos veciños e veciñas de Silleda”, engade.