Rematadas as obras do aparcamento no  parque empresarial Área 33 , con 50 prazas 

-O proxecto, incluido no programa de mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia durante o ano 2020 supuxo un investimento de máis de 80.000 euros

Silleda, 2 de novembro de 2020. O parque empresarial Área 33 de Silleda conta xa  cun novo servizo: unha zona de estacionamento con 50 prazas en batería, que se ubica en dirección a Lalín dende este recinto. A proposta realízouse a través da convocatoria da Consellería de Economía e Facenda, cas  axudas en réxime de concorrencia competitiva para a mellora de parques empresariais.

O alcalde, Manuel Cuiña, e os concelleiros Antonio Ferro e Pili Peón,  visitaron os traballos realizados pola empresa Taboada y Ramos, adxudicataria das obras. O proxecto incluiu un muro de contención que formará parte da nova fachada do polígono dende o acceso de Lalín, muro que se dotou dun acabamento aplacado en pedra, e cun rótulo identificativo do polígono. A obra está cofinanciada  pola Consellería de Economía e Industria e o  Concello de Silleda. Esta actuación vén  a implementar a mellora de accesos e a sinalización que se dotou no parque empresarial nos dous últimos anos, co pintado dos tramos, sinalización vertical e nomeamento de rúas, entre outros. O rueiro do polígono pode xa tamén consultarse na web municipal de Silleda.

“Con esta dotación seguimos realizando melloras no polígono empresarial de Silleda, donde pronto estará operativo tamén o Viveiro de Empresas”, indica o alcalde, resaltando que tando dende o colectivo de empresarios do polígono como dende as empresas da contorna deste novo espazo, amosaron a súa satisfacción por esta actuación útil, necesaria e funcional.