Retómanse os obradoiros de estimulación cognitiva para a prevención do Alzhéimer

-As sesión matinais, impartidas a través de Afapo, terán lugar na Casa da Xuventude todos os martes e xoves.

Silleda, 7 de setembro de 2023. O Programa de Intervención Integral de atención a Persoas con Alzhéimer e outras demencias e familias coidadoras, que se vén realizando en Silleda dende o 2014, retomouse esta semana ca reanudación dos obradoiros de estimulación cognitiva despois do verán.

Estas sesións, nas que  participan 26 persoas, celébranse todos os martes e xoves de 10:15 a 13:30 –en dúas quendas- nas instalacións da Casa da Xuventude. Estes obradoiros están impartidos por persoal desta entidade e buscan previr a aparición de demencias.

O Concello de Silleda renovou así un ano máis o convenio coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo), á que se aportan máis de 17.000 euros para atender ás persoas afectadas pola enfermidade e as súas familias.