Rianxo coñece o proxecto e trámites do Centro de Día e Residencia de Silleda

 

Silleda, 13 de decembro  de 2017.  O Centro de Día e Residencia de Silleda, que comezou a construirse este verán, está a despertar o interese de distintos municipios galegos. Así, representantes do Concello de Rianxo, onde un grupo de veciños leva máis de 150 días pechados no consistorio da localidade reclamando a construcción dun Centro de Día, mantiveron un encontro co alcalde, Manuel Cuiña e con técnicos municipais.

Ao encontro ademais dos membros da Plataforma polo Centro de Día de Rianxo, estiveron membros do goberno municipal rianxeiro, encabezados polo seu rexedor Adolfo Muiños.

A delegación de Rianxo contactou hai varios días co alcalde silledense a fin de informarse sobre os trámites realizados para a consecución deste servizo. “Viñeron a informarse do proceso porque lles chamou a atención a fórmula pola que optamos para facer realidade en Silleda este servizo polo que levamos tempo agardando”, indica.

Na xuntanza os membros da plataforma explicaron que iniciaron a súa protesta á vista de que dende a Xunta non se permitía a construcción dun Centro de Día na localidade. Co apoio do alcalde iniciaron o peche no consistorio, que supera xa as 150 xornadas.

Máis municipios interesados

Con este son xa 4 os municipios que nos últimos meses se interesaron pola formula da concesión demanial, empregada en Silleda para esta dotación. Os traballos, que realiza a firma Coviastec Silleda S.L., iniciáronse o pasado verán  na parcela municipal situada xunto ao recinto feiral.

“As obras están avanzando a bo ritmo”, sinala o alcalde.

A Residencia contará con 59 plazas e o Centro de Día con outras 20. A inversión total que executará a empresa ascende a 3,8 millóns de euros. O  edificio deberá de  estar rematado nun prazo máximo de ano e medio dende o inicio da construcción.

O alcalde destaca que os silledenses terán neste centro unha das prazas de Centro de Día máis baratas de Galicia, cun máximo de 300 euros ao mes, e tamén unhas das prazas residenciais máis baratas da comunidade.

 “Antes de que remate a lexislatura poderemos ter logo de moitos anos de espera un dos servizos máis necesarios e agardados polos nosos veciños e veciñas”, indica Cuiña, destacando que está será “a obra de maior envergadura que se acometerá nesta lexislatura para o municipio de Silleda”.