Silleda a Bocados estrease cun éxito rotundo tras vender arredor de 3.000 tapas e dinamizar tamén o comercio local

 

·        A campaña impulsada pola Concellería de Promoción Económica repartiu máis de 1.300 euros en premios directos e terá o vindeiro mércores 22 o sorteo en directo do concurso gastronómico

Silleda, 16 de abril de 2026. A campaña de dinamización comercial e hostaleira promovida polo Concello de Silleda a través da Concellería de Promoción Económica, que dirixe Estefanía Taín, pechou cun balance moi positivo e cunha resposta excelente tanto por parte da clientela como dos establecementos participantes. A iniciativa, celebrada durante a pasada fin de semana do baixo o paraugas de Silleda a Bocados e dos Días do Comercio con Corazón Local, acadou un éxito rotundo, con arredor de 3.000 tapas vendidas nos 11 locais hostaleiros participantes e cun importante impacto tamén nas vendas do comercio local, especialmente durante a xornada do venres 10 de abril.

Dende o Concello faise unha valoración moi satisfactoria desta acción, deseñada para crear sinerxias entre o comercio e a hostalería de proximidade, incentivando o consumo local cunha fórmula que combinou gastronomía, descontos e premios directos. A elevada participación durante toda a fin de semana confirmou a boa acollida dunha proposta que logrou animar as rúas, atraer clientela e reforzar a visibilidade do tecido económico local.

 

No marco desta campaña, a Concellería de Promoción Económica repartiu tamén 1.300 euros en premios mediante o sistema de rascas. No caso dos establecementos comerciais, entregáronse  premios con descontos de 200 euros, 20 euros, 10 euros e tamén premios equivalentes a dúas tapas gratuítas. A iniciativa contribuíu así non só a incentivar as compras e consumicións, senón tamén a premiar de maneira directa á clientela que apostou polos negocios de Silleda.

Ademais dos datos de participación na ruta de tapas, a campaña comercial deixou tamén moi boas sensacións entre os negocios adheridos, que constataron un aumento da actividade e das vendas, especialmente no arranque da iniciativa, o venres 10. Deste xeito, a acción cumpriu o obxectivo co que nacía: favorecer o consumo de proximidade, apoiar aos sectores comercial e hostaleiro e xerar ambiente e movemento económico no municipio.

A concelleira de Promoción Económica, Estefanía Taín, subliña que “os datos falan por si sós e confirman que a campaña foi todo un éxito, tanto pola resposta da clientela como pola implicación dos establecementos participantes”. Engade ademais que “vender arredor de 3.000 tapas en tres días é unha cifra moi importante, pero tamén o é comprobar que o comercio local notou o efecto positivo desta acción, especialmente nunha xornada clave como a do venres”.

Taín destaca tamén o valor da colaboración entre sectores: “Esta iniciativa demostra que a unión entre comercio e hostalería funciona, que sumar esforzos dá resultados e que en Silleda temos un tecido económico vivo, dinámico e con moita capacidade para atraer e fidelizar clientela”. A edil quixo agradecer expresamente “a implicación de todos os negocios participantes, así como a colaboración de ECOS e da veciñanza, que unha vez máis respondeu apoiando o local”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, incidiu en que campañas deste tipo “son unha ferramenta moi útil para apoiar ao pequeno comercio e á hostalería, que son fundamentais para a economía local e tamén para a vida social dos nosos núcleos”. Fernández sinala que “cando se impulsa o consumo de proximidade estase apoiando moito máis ca unha compra ou unha consumición: estase contribuíndo a manter emprego, actividade e servizos no propio municipio”.

A rexedora engadiu ademais que “o éxito desta edición anima ao goberno municipal a seguir traballando en novas accións de dinamización, da man dos sectores implicados, para continuar fortalecendo o tecido comercial e hostaleiro de Silleda”.

Sorteo o mércores 22 e reconto de votos

A día de hoxe, dende o departamento de Promoción Económica estase a facer un reconto das papeletas entregadas nos establecementos cas puntuacións da clientela para elexir a Mellor Tapa e Mellor Presentación, premios que serán anunciados durante a vindeira fin de semana.

No que respecta ao concurso vinculado á ruta gastronómica, entre todas as persoas que emitiron o seu coto, o vindeiro mércores 22 de abril celebrarase o sorteo en directo, a través do perfil de Instagram do Concello de Silleda. Posteriormente, o venres 24 de abril terá lugar a entrega de premios, nun acto no que tamén se entregarán os premios aos establecementos hostaleiros .

Dende o Concello de Silleda valórase moi positivamente esta experiencia e faise un agradecemento xeral ás persoas consumidoras, aos locais hostaleiros, aos comercios adheridos e ás entidades colaboradoras por facer posible unha campaña que se pecha cun resultado excelente e que consolida a aposta municipal pola promoción do consumo local.