Silleda abre o prazo para inscribirse no programa da Deputación Depo RúARTE

-Dirixido a mozas e mozos de entre 14 a 30 anos de idade, este programa formativo poñerá en marcha actividades alternativas e de lecer que atendan as demandas do colectivo xuvenil dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra.

-A Concellería de Xuventude de Silleda ofrecerá información e recollerá tódolos formularios de inscrición das persoas interesadas para poder ofrecer despois os cursos máis solicitados.

Silleda, 16 de abril de 2016.  A Deputación de Pontevedra ven de poñer en marcha “DeporúARTE”, un programa onde os máis xoves poderán amosar as súas habilidades en música, deporte urbano, creatividade, e mesmo cociña.

O Concello de Silleda quere sumarse á que considera una fantástica iniciativa para a xuventude do municipio e, por medio da Concellería de Xuventude, dirixida por Aída Castro, ofrecerá información de todas aquelas actividades que ofrece a institución provincial.

Depor RúARTE é un programa destinado a mozos e mozas de entre 14 a 30 anos de idade, que vivan en concellos de menos de 50.000 habitantes, con actividades modernas, dinamizadoras, educativas, e de ocio.

En total, ofértanse actividades agrupadas en cinco áreas que son Musicarte, con break dance, rap, funky ou hip-hop; Ruarte, con slackline, monopatín e sobre rodas; Urbanarte, con graffitti, xogos malabares e monólogos na rúa; Crearte, centrado en cómic e curtametraxes co teléfono móvil; e finalmente Cociñarte, con talleres de cociña da avoa, cociña en verde, o mundo no prato, adózate, e coctelería e batidos sen alcohol.

Todas estas actividades poranse en marcha ó finalizar o curso escolar, a finais de xuño e ata principios de setembro.

O programa será clausurado coa primeira edición do Certame Xuvenil Depo Rúarte, que amosará o aprendido nas actividades realizadas, co obxectivo de promover, xerar, e articular espazos públicos integrais de xuventude.

Neste certame participará un representante de cada concello que competirá co resto nas actuacións as que se presentou dentro de cada unha das categorías. Haberá un finalista de cada unha das categorías e un único gañador do certame.

Pódese atopar máis información de todos os cursos ofertados na páxina da deputación: www.depo.es/depo-ruarte/participa.

Tamén no Concello de Silleda todo aquel que o desexe poderá pasar a informarse e a anotarse nos cursos que máis lle interesen ata o vindeiro venres 29 de abril en horario de 8:00 a 15:00 horas.