Silleda acode a liñas de subvención europeas para financiar o Centro Agrario

-Farao como socio principal co apoio de outros municipios da provincia de Pontevedra e do norte de Portugal

Silleda, 25 de abril de 2016.  O Concello de Silleda ven de manter unha reunión cun gabinete especializado co fin de presentar o proxecto do Centro Agrario en Europa e poder acudir así a liñas de subvención para o seu financiamento.

A idea que se presentará á convocatoria de proxectos do programa Espacio Atlántico da Unión Europea xunto con distintos municipios da provincia de Pontevedra e do norte de Portugal interesados na iniciativa, persigue aproveitar o potencial natural do norte de Pontevedra para dinamizar unha actividade tradicional como é a agricultura, seguindo as novas demandas dos consumidores e da sociedade como é o consumo responsable.

Para elo, no proxecto contemplaranse tres accións diferenciadas nos obxectivos e o tempo, e outras dúas transversais ao conxunto do territorio e ao horizonte temporal do proxecto.

Dentro das accións específicas preténdese a creación dun Centro de Desenrolo Agrario de referencia en Silleda, a formación e o diagnóstico dos terreos de cultivo, e a posta en marcha de proxectos piloto que permitan a inserción laboral da poboación así coma o aproveitamento sostible dos recursos naturais.

Como accións transversais figuran a concienciación da poboación sobre a importancia do consumo responsable e a promoción dos produtos ecolóxicos e de proximidade, e fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no medio rural.

Estas liñas de financiamento ás que concorrerá Silleda como socio principal están destinadas primeiramente para costear mobiliario para o Centro Agrario, así como persoal para impartir formación.