O vindeiro xoves 13 de marzo ás 18:00 horas, o Salón de Actos do Concello de Silleda acollerá unha charla baixo o título «A saúde mental vista desde a neurociencia«, organizada pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Pontevedra (AFAPO) en colaboración co Concello de Silleda.
O acto contará coa presentación de José Manuel Fontenla Redondo, presidente de AFAPO, e como ponente participará o Dr. Carlos Spuch, investigador R4 do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e membro de CIBERSAM, rede de investigación en Atención Primaria de Adiccións.
Nesta conferencia, o Dr. Spuch achegará unha visión científica sobre a saúde mental desde o punto de vista da neurociencia, abordando aspectos clave para a comprensión e prevención de trastornos mentais.
A entrada será libre ata completar aforo. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co departamento de Servizos Sociais do Concello de Silleda a través do teléfono 986 592 037.