Silleda acollerá a partir do 18 de maio novos obradoiros do programa Rural TIC de Inec

·        Os ciclos formativos nas parroquias están abertos á participación de toda a veciñanza e cada sesión terá unha hora de duración

  • Chegarán as localidades de Lamela, Dornelas, Graba, Breixa, Laro e Abades

Silleda,  29 de abril de 2026. O Concello de Silleda acollerá a partir do vindeiro 18 de maio unha nova edición dos obradoiros formativos do programa Rural TIC, impulsado por Ineco, co obxectivo de seguir avanzando na dixitalización da poboación do rural. A iniciativa está coordinada dende a Concellería de Medio Rural, que dirixe Asunción García, e inclúe sesións nos locais sociais das parroquias, abertas a toda a veciñanza, así como actividades específicas en centros educativos do municipio.

No caso dos obradoiros nas parroquias, as sesións centraranse en aplicacións útiles para o día a día, como correo electrónico, WhatsApp, APP Sergas, Bizum ou Liña Verde. Terán unha duración dunha hora e desenvolveranse nas parroquias de Lamela (luns 18 ás 20:00 h); Dornelas (martes 19 ás 17:00); Graba (xoves 21 ás 18:00 horas); Breixa (venres 22 ás 18:00); Laro (mércores 27 ás 19:00); e Abades (venres 29 ás 18:00).

Nos 4 centros educativos

Ademais, o programa Rural TIC tamén chegará aos centros educativos do municipio, con actividades adaptadas ao alumnado. Así, impartiranse obradoiros de tramitación en liña de axudas para a mocidade no IES Pintor Colmeiro e no Colexio Plurilingüe María Inmaculada, así como talleres de programación en Scratch no CEIP Plurilingüe de Silleda e no CEIP Ramón de Valenzuela.

En concreto, o calendario previsto nos centros educativos inclúe sesións o mércores 20 de maio no IES Pintor Colmeiro, o luns 25 de maio no CEIP Plurilingüe de Silleda, o martes 26 de maio no CEIP Ramón de Valenzuela, e o xoves 28 de maio no Colexio Plurilingüe María Inmaculada.

Dende o Concello de Silleda anímase á veciñanza a participar nestas accións formativas, que supoñen unha oportunidade para adquirir competencias dixitais básicas, resolver dúbidas prácticas e mellorar a autonomía no uso das novas tecnoloxías.

O municipio de Silleda sumouse o pasado ano ao programa Rural TIC, posto en marcha polo INECO (a enxeñería pública do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (Mitma), como un servizo para a cidadanía que reside en vilas e pequenos municipios de España.

Trátase dun modelo colaborativo que ten como obxectivo contribuír á dixitalización social e económica da sociedade que vive en contornas rurais, rompendo as barreiras que os afastan das novas tecnoloxías.

As accións enfocadas a dixitalizar social e economicamente os pequenos municipios e vilas constitúen unha panca fundamental nas políticas de asentamento de poboación neste entorno, xerando unha porta de acceso ao retorno dos habitantes dos grandes núcleos cara a un modelo de vida máis sostible, en liña cos obxectivos da Axenda 2030.