A Xunta de Goberno Local do Concello de Silleda aprobará este venres a adxudicación das obras de saneamento de augas residuais no núcleo de Maceira Boa á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos, S.L.U., por un importe total de 142.830,69 euros, IVE incluído.
A actuación está financiada ao abeiro do Plan +Provincia 2026-2027 da Deputación de Pontevedra, dentro da Liña 1 de Investimentos. O proxecto contaba cun orzamento base de licitación de 158.700,77 euros.
As obras permitirán dar resposta a unha demanda da veciñanza de Maceira Boa, que actualmente non dispón de rede pública de saneamento e utiliza sistemas individuais para o tratamento das augas residuais. A nova infraestrutura ampliará a rede existente en Bandeira para posibilitar a recollida e condución das augas fecais do núcleo ata o sistema xeral.
O proxecto desenvolverase ao longo de tres eixos e incluirá a instalación do colector principal, as acometidas domiciliarias, os pozos de rexistro e de resalto e a posterior reposición dos firmes e pavimentos afectados polos traballos.
O colector principal executarase con tubaxe de PVC de 250 milímetros de diámetro, mentres que as acometidas ás vivendas se realizarán mediante conducións de 160 milímetros. O prazo previsto para executar as obras é de dous meses.
A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que «esta obra permitirá levar por fin un servizo público básico a Maceira Boa, mellorando a calidade de vida da veciñanza e avanzando tamén na protección sanitaria e ambiental».
O saneamento constitúe, ademais, a primeira actuación dun proxecto máis amplo para esta contorna. O seguinte paso será impulsar a senda peonil entre Bandeira e Moalde, pasando por Maceira Boa, co obxectivo de mellorar a seguridade e a mobilidade a pé na zona. O proxecto prevé un itinerario peonil, nova iluminación, melloras no firme e dous pasos de peóns sobreelevados.
«Comezamos polo máis necesario, que é dotar as vivendas de saneamento, e continuaremos despois coa mellora da conexión peonil desta zona con Bandeira», sinala a alcaldesa
