Silleda aposta por crear un Club e unha Escola de Atletismo

Silleda, 9 de outubro de 2015. O Concello de Silleda poñerá en marcha dun club e un escola de Atletismo. Dende a Concellería de Deportes, a súa titular, Ana Luisa González, púxose en contacto co atleta silledense Cristian Díaz hai uns días para felicítalo polo seu recente éxito no marathón de Berlín. “A raíz de conversar con Cristian Díaz consideramos que el era a persoa axeitada nestes momentos para asesorarnos na posta en marcha desta iniciativa”, explica a concelleira.

Hoxe mesmo celebrouse un encontro entre o alcalde, Manuel Cuiña, Cristian Díaz e a concelleira de Deportes, unha primeira reunión para comezar a sentar as bases do proxecto.

“Falamos de cómo empezar a traballar para crear en Silleda un club federado para participar nas competicións e unha escola, para crear canteira de atletas ofertando aos nosos veciños e veciñas interesados a posibilidade de formarse con coñecementos técnicos nesta materia deportiva”, explica González Costa.

“Trátase dunha aposta ambiciosa que iremos desenvolvendo nos vindeiros meses dende o departamento municipal de Deportes, con distintas variantes”, engade.

Dende o Concello de Silleda o goberno municipal agradece a dispoñibilidade de Cristian Díaz, destacando a súa implicación persoal nesta aposta.