Silleda comeza as plantacións dos voluntarios do Centro Agrario

-A primeira das actuacións tivo lugar esta mañá na parroquia de Cortegada.

-Prevese continuar os avances do proxecto con charlas informativas previstas para finais do vindeiro mes de maio.

Silleda, 28 de abril de 2016.  Logo de que a persistente chuvia dos pasados días dera unha pequena tregua, esta mañá tivo lugar a primeira das plantacións na finca propia dun dos voluntarios emprendedores do Centro Agrario de Silleda, na parroquia de Cortegada..

Ata alí se desprazaron o alcalde, Manuel Cuíña, xunto co concelleiro de medio rural, Jesús Taboada, e o técnico de Quorum para supervisar os traballos, consistentes nunha plantación con asociación de cultivos, neste caso de cebola e dúas variedades de leituga.

Este voluntario ten previsto continuar a plantación en bancais de dúas filas de hortalizas, implantando en cada un deles especies segundo os diferentes aproveitamentos. Así un bancal levará hortalizas de folla, o seguinte de raíz, outro de froito, e así ata completar o resto.

Esta é a primeira das actuacións previstas nesta fase do proxecto do Centro Agrario que continuará ao longo dos próximos días e sempre que o tempo acompañe. Así en vindeiras xornadas procederase tanto á continuidade das plantacións coma á unha análise do terreo das fincas municipais de Ponte co fin de recoller unha primeira referencia da súa situación e avaliar as preparacións necesarias para poder cultivar nelas.

Tamén cara a finais do próximo mes de maio, se programará a primeira das xornadas formativas previstas, que neste caso abordará o tema das novas oportunidades na agricultura e será presentada nos vindeiros días.

Nunha segunda fase, ademais de ceder unha parte da finca de Ponte á Asociación de Veciños Olaia, tal e como se acordou nunha reunión mantida nos pasados días, e se a demanda é razoable, o concello faría unha primeira posta a punto da finca de Ponte, preparando os terreos, o invernadoiro co que xa conta a instalación, e o pozo de auga, para cederlle o terreo dividido en parcelas, aos voluntarios sen fincas que así o soliciten, onde poderán cultivar segundo as propostas que se lle recomenden en relación coas propiedades da terra, e recoller tódolos beneficios recollidos na venda da produción.