Silleda contará con unha aula itinerante de informática dentro do proxecto Conectando o rural

Silleda, 5 de setembro de 2014. O Concello de Silleda poñerá en marcha nos vindeiros meses o programa “Conectando o rural”, coa creación de unha aula itinerante de informática.

O proxecto foi presentado, a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras do Deza,  ás axudas do Plan Leader, a fin de contar con subvención para poñer en marcha esta iniciativa, dentro dos programas destinados á diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida .O orzamento total do proxecto supera os 6.000 euros, e completarase coa axuda da entidade e fondos municipais.

Esta dotación contará de 12 equipos informáticos e unha pantalla interactiva (acompañada de outros dispositivos coma un proxector) a través da que se darán as pertinentes instruccións aos usuarios.

O equipamento terá a súa base na Casa da Cultura de Silleda, onde poderá ser utilizada polos veciños que o desexen. “O obxectivo da nosa proposta e traladar os equipos ás parroquias do rural para realizar cursos de formación ou outras actividades relacionadas coa informática que permitan achegar aos nosos veciños e veciñas coñecementos básicos sobre esta materia”, indica o alcalde, Manuel Cuíña.

Dende o goberno municipal agárdase que a contratación das empresas proveedoras, unha vez analizadas as ofertas solicitadas poidan realizar esta dotación no menor tempo posible para “poñer a disposición da veciñanza estes equipos a posibilidade de realizar actividades de formación coas novas tecnoloxías como protagonistas”, engade o alcalde.

Parladoiros e biosaudables en 16 parroquias

Esta iniciativa vén a completar outras propostas iniciadas nos últimos meses para continuar aumentando os servizos no rural silledense, coma no caso dos parladoiros e biosaudables, tamén a través do GDR Terras do Deza

A instalación destes equipos, adxudicada á empresa silledense  Endenor, por 37.847 euros, estará lista nas vindeiras semanas e chegará a un total de 16 parroquias (10 neste ano e a outras 6 no 2015).

Esta actuación ten obxecto por dinamizar o rural do municipio, coa instalación dunha serie de espazos nos que se conxugue a actividade física co descanso e a socialización. Crearanse 16 áreas nas que se combinarán

elementos biosaudables cos chamados parladoiros, zonas de recreo dispostas con asentos onde poder descansar e falar, con dúas sillas, un banco, e aparellos para realizar exercicios biosaudables.

A actuación realizarase en dúas fases, dotando este ano a 10 parroquias e ao resto no 2015. Estas dotacións situaránse nas seguintes localidades: Siador, Cortegada, Laro, Parada, Taboada, Saídres, Negreiros, Breixa, Ansemil-Martixe, Abades, Dornelas, Cira, Moalde, Rellas, Escuadro e Graba.