Silleda contará cunha ludoteca de Nadal con actividades nas dúas vilas polas mañás

-Establécense 20 prazas en Silleda e outras 20 na Bandeira. As actividades, para nenos e nenas de Infantil e Primaria serán na Casa da Xuventude e no Auditorio Dopazo do 22 de decembro ao 7 de xaneiro en horario de 09:00 a 14:00 horas. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns

Silleda, 10 de novembro de 2021. O Concello de Silleda organiza nas vacacións de Nadal unha ludoteca, en horario de mañá, para nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade. Esta iniciativa será unha das novidades da programación de Nadal do Concello de Silleda que se está a pechar e se dará a coñecer nos vindeiros días.
A ludoteca, de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas, contará con actividades en Silleda e na Bandeira, todos os días dende o 22 de decembro ao 7 de xaneiro (agás o 6 de xaneiro). Ofértanse 20 prazas en cada localidade, sendo o centro de actividades a Casa da Xuventude en Silleda e o auditorio Manuel Dopazo na Bandeira.
O custe deste servizo é de 55 euros (45 euros no caso da asistencia do segundo irmán/á ou sucesivos).
O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns día 15 e extenderase ata o 26 deste mes. As persoas que desexen participar deben de cubrir o modelo normalizado de inscrición dispoñible no Rexistro municpal ou facelo a través da sede electrónica. Para máis información poden chamar ao teléfono 986 592037. As prazas asignaránse por orde de inscrición.
Trátase de actividades que, á marxe do campamento de Nadal do Servizo Lúdico (que xa ten todas as prazas cubertas) , fomentarán a participación e a creatividade dos nenos e nenas participantes, ofertando ao mesmo tempo unha alternativa de conciliación. A continuación recóllese o formulario de inscrición e o anexo en formato word e PDF: