Silleda depositou 24 toneladas de textil durante o ano 2016 nos colectores de Humana

Silleda, 23 de febreiro de 2017. Os veciños e veciñas de Silleda depositaron ao longo do pasado ano 2016 algo máis de 24 toneladas de roupa e calzado usados nos colectores de Humana, entidade coa que ten un convenio de colaboración asinado o Concello de Silleda.

En total recolléronse  no municipio 24.019 kg de textil usado, unha cifra que representa un lixeiro descenso respecto ao ano 2015, cando se 25.962 kg.

A Fundación Humana Pueblo para Pueblo ten un total de 7 colectores instalados en Silleda e A Bandeira, onde os cidadáns poden depositar a roupa, calzado ou complementos e textil do fogar que xa non usan para darlles unha segunda vida. 

A colaboración con Humana renovouse dende o Concello de Silleda a finais do ano 2015, como complemento ao traballo que se está a realizar dende o programa municipal Silleda Solidaria, en concreto a través do roupeiro municipal.

En virtude deste acordo, o Concello poderá dispor anualmente dun total de 350 kilogramos de roupa usada sen clasificar recollida mediante os colectores de Humana, para o uso que se considere oportuno.

A maiores, a fundación colabora co Concello coa aportación de 250 euros anuais por colector (un total de 1.750 euros por ano). Esta cantidade é destinada para realizar acción no marco dos obxectivos do acordo,

 

obxectivos que van dende a sensibilización da poboación sobre a reciclaxe a valoración dos residuos, ata o apoio ás familias con menos recursos do municipio, sen esquecer a cooperación internacional para o desenvolvemento, ámbito de actuación da Fundación Pueblo para Pueblo.

Esta ONG desenvolve ende 1987 distintos proxectos de cooperación en países de África, América Latina e Asia e outros con fins sociais en España

Ubicación dos colectores

A día de hoxe Humana conta con 7 colectores nas dúas vilas do municipio. En Silleda están situados xunto ao Centro Social, o IES Pintor Colmeiro, na avenida do Parque, na rúa Trasdeza e nas inmediacións da Praza da Feira Vella. Na Bandeira están xunto ao Centro de Saúde e a Praza da Feira.

O responsable da área de Recollida de Humana en Galicia, Darío Gómez, destaca o aumento da recollida na Comunidade no último ano, grazas a “unha maior conciencia medioambiental por parte da cidadanía así coma un claro interese por promover un modelo de economía circular que prolongue a vida do textil”, engade, sinalando ademais que a cidadanía aposta por “darlle unha segunda vida á súa roupa usada grazas en boa parte ao esforzo de Concellos, empresas e entidades como a nosa para dótalo dun fin social”.

En Galicia, Humana recolleu durante o pasado ano 2.138 toneladas grazas a unha rede de 380 colectores.

A reutilización e a reciclaxe do textil contribúen tamén á protección do medio ambiente e á loita contra o cambio climático, xa que ademais de recuperar prendas evítase o seu depósito en vertedoiros contribuindo a reducción da emisión de gases de efecto invernadoiro. Segundo datos da Comisión Europea,  por cada kilo de roupa que se reutiliza e non se queima evítase a emisión de 3,169 kg de CO2.