Silleda despide as delegacións de Canéjan e Poggio Mirteto

-Na xornada do mércores celebrouse a cea de despedida que pon final ás actividades que se realizaron con motivo do intercambio cultural cos pobos cos que Silleda está irmandada.

Silleda, 31 de agosto de 2023. Silleda vén de despedir ás delegacións dos pobos irmáns de Canéjan (Francia) e Poggio Mirteto (Italia). Dende o día 24 de agosto ata onte día 30, realizáronse diferentes actividades e saídas nas que se visitaron lugares emblemáticos de Silleda e do resto da comarca do Deza.

No acto de despedida que se levou a cabo onte no Centro Social de Cortegada, o alcalde do Concello de Silleda, Manuel Cuiña, no seu discurso agradeceu o traballo que realizou o Comité de Irmandamento (COXESI) e a amabilidade das familias que acolleron ás persoas participantes neste programa de intercambio cultural. Tamén lembrou que a relación con Francia e Italia comezou no 2016 e apelou á necesidade de colaborar noutros ámbitos como por exemplo a xestión sostible, promoción e dinamización do turismo.

Ademais neste acto, a concelleira de Urbanismo de Canéjan, Corine Hanras, no seu discurso puxo en valor os irmandamentos como ferramenta útil para manter a cultura e os valores europeos  nos momentos actuais de incertidume.

Tamén interviñeron os tres presidentes do Comité do Irmandamento: Belén Calvo, presidenta de COXESI, comité anfitrión deste ano; Lanfranco Santini, representando a Italia; e por último, Daniele Antoniazzi, de Canéjan.

Na cea de despedida, puídose desfrutar da paella de Cortegada, ademais da actuación e mostra de baile tradicional galego por parte do grupo Xirandola. Asimesmo, a charanga Os Empanaos animou a velada con música en directo.

Este acto de despedida pon fin á programación de actividades deste intercambio cultural, que estivo baseado en dar a coñecer o patrimonio histórico e natural e a gastronomía de Silleda.

Desta maneira, o venres 25 realizouse unha excursión a Ourense para visitar a súa Catedral, o Casco Histórico e As Burgas. Ás 20:00 horas, na Praza Siñor Afranio de Silleda, tivo lugar o concerto que ofreceu a Banda de Música Municipal de Silleda.

O sábado 26 foi o día en familia, no que se visitou o Museo do Campo e a Mecanización. O xantar fíxose na Carballeira de Siador e pola tarde, o grupo Xirandola impartiu un obradoiro de música tradicional.

O domingo 27, foi o día no que se coñeceu a Fervenza do Toxa e o conxunto Histórico-Relixioso de Abades. O xantar dese día foi en Ansemil-Martixe, na que se degustaron callos e panceta, cociñados pola Asociación Veciñal de Ansemil-Martixe e pola Asociación Cultural O Cruceiro de Breixa. Pola tarde, visitouse o mosteiro de Carboeiro, onde o grupo de acordeóns da Escola de Música de Silleda, as pandereteiras As Ferreñas de Cortegada e Xirandola amenizaron con música esta visita ao cenobio.

O luns 28 fíxose unha ruta pola comarca do Deza para visitar o Pazo de Liñares, o Muiño Cuiña,  o Pazo Anzuxao e Castro Deza.

Na xornada do martes 29 realizouse unha saída a Santiago de Compostela, onde o grupo de intercambio tivo o día libre nesta cidade.

Por último, o mércores 30 visitáronse os murais do programa Mulleres de Extramuros en Cortegada e as instalación de Trasdeza Natur.