Silleda entrega unha caixa agasallo ás familias de bebés nados este ano

-Coa finalidade de fomentar o uso do galego, esta é unha das accións enmarcadas dentro do programa “Medrando en Galego” da Concellería de Normalización Lingüística

Silleda, 30 de abril de 2016.  A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Silleda, presidida pola edil Aida Castro, ven de poñer en marcha “Aloumiños en galego”, unha das accións previstas dentro do programa “Medrando en Galego”, presentado hai uns días.

Co fin de fomentar o uso do galego das familias cos bebés dende o seu nacemento, “Aloumiños en galego” consiste na entrega dunha caixa-agasallo con artigos de puericultura, ás familias de todos os bebés nados neste ano 2016.

Esta iniciativa, da que xa se informou dende o concello a todos os interesados mediante unha carta, é totalmente gratuíta e retroactiva, para todos os nenos e nenas nados no municipio dende xaneiro deste ano.

Xunto con esta proposta o programa “Medrando en galego” da Concellería de Normalización Lingüística, dirixido a nenos e nenas de entre 0 a 12 anos, comprende tamén a acción “Verbas no ar”, consistente en talleres de contacontos, e outras actividades de fomento do uso do galego que se realizarán ó longo de todo o ano. Tamén haberá un obradoiro de recursos educativos en galego para familias, que se terá lugar este de maio.

O segundo dos programas, “Luscofusco”, pretende o fomento do uso do galego na poboación en xeral, e nos diversos sectores comerciais, económicos e sociais, e repártese en catro actividades principais:

Un curso de recursos expresivos, que terá lugar despois do verán, e que tratará a expresión oral e escrita creativa, para fomentar as habilidades comunicativas en galego.

Tamén se continuará coa campaña de dinamización lingüística no comercio “Silleda agasalla”, que se porá en marcha no Nadal. Esta proposta, de moito éxito nos últimos anos, consiste na elaboración de adhesivos de felicitación, con lemas en galego, deseñadas polos alumnos dos centros educativos do municipio, e repartidas aos comercios que as soliciten para decorar os regalos de Nadal.

Outras das actividades que xa se ven realizando dende fai anos e o concurso de microrrelatos, dirixido a todo o público, en dúas categorías, unha de 6 a 12 anos, e outra de 13 en adiante.  Esta actividade está xa en marcha e poderase participar ata o vindeiro venres 6 de maio.

A última das accións comprendidas dentro deste programa, será a edición por parte da Concellería de Normalización Lingüística dun marca páxinas conmemorativo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Manuel María.