Silleda entrégase á axuda aos refuxiados

-A concelleira de Igualdade e Benestar, Pili Peón, fixo entrega hoxe de todo o material recollido á ONG Alhambra Internacional

Silleda, 20 de abril de 2016.  A campaña de recollida de materiais de primeira necesidade para os refuxiados, “Nos tamén somos eles”, promovida polo departamento de Benestar do Concello de Silleda, dentro do programa de cooperación Silleda Solidaria, foi todo un éxito.

Máis de cen caixas con mantas, roupa de abrigo, botas de auga, calzado, produtos de hixiene, así como alimentos, biberóns, e leite en po para os máis pequenos foron cargadas esta mañá no camión que un transportista de Silleda ofreceu voluntariamente ó concello para facer o porte ata a nave que a ONG Alambra Internacional ten en Allaríz, ante a imposibilidade que a asociación tiña de facer a recollida pola saturación de entregas que ten neste momento.

Todo o material recollido nesta fase da campaña, que se estima en máis de mil quilos, irá destinado integramente aos refuxiados do campo de Idomeini, en Grecia.

A edil quere amosar unha vez máis o seu agradecemento polas doazóns recibidas. “A campaña tivo un éxito impresionante, o que amosa o compromiso dos silledenses con esta traxedia, algo do que me sinto moi orgullosa”, indica Pili Peón. “A situación dos refuxiados é dramática, e ante a pasividade das autoridades europeas, dende o concello agardamos que a solidariedade do pobo de Silleda contribúa a mellorar na medida do posible a calidade de vida destes milleiros de persoas”, engade.

Debido aos problemas loxísticos que a ONG está a ter con motivo da grande cantidade de material doado, de momento a recollida está paralizada. Avisarase de novo en canto a situación se solucione.