Silleda estrea o Viveiro de Empresas do polígono Área 33, cunha inversión de case 400.000 euros

Silleda, 15 de novembro de 2019.  Hoxe celebrouse no parque empresarial Área 33 a inauguración do Viveiro de Empresas cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Concello de Silleda, cun investimento de preto de 400.000 euros.

O edificio está situado na parcela municipal do parque empresarial Área 33, con planta baixa e un deseño en “L” no que figuran ata 6 despachos, sala de xuntas, aseos adaptados e espazo de cafetería.

O alcalde  de Silleda, Manuel Cuiña, e o delegado da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, deron a benvida aos numerosos empresarios que se achegaron a participar no acto de apertura.

Rial lembrou a boa sintonía entre o seu departamento e o Concelllo para atender dende hai anos “á  mellora das infraestruturas do polígono, algo que a Administración local tamén viu como  unha necesidade e un activo”, e lembrou que Silleda foi un dos primeiros concellos en acollerse ao plan , Doing Business, con melloras fiscais dende os concellos para facilitar a implantación de empresas.

“Froito desa colaboración hoxe estamos neste viveiro de empresas, un paso adiante nestas iniciativas de melloras implantación nos polígonos sobre todo no interior de Galicia”, sinalou

Indicando que a maioría das empresas novas nos primeiros anos atopan dificultades que a veces lles impiden consolidarse e que “a existencia de iniciativas coma estas  faciliatarán a implantación de entidades de nova creación”.

Pola súa banda o alcalde, Manuel Cuiña, agradeceu a colaboración de Industria (que outorgou a máxima subvención para o viveiro, con 240.000 euros), para facer realidade unha obra “feita en tempo récord e moi agardada”.

Cuiña resaltou a expansión do polígono industrial de Silleda, no que “case non hai xa naves baleiras, con grandes proxectos en marcha”. “É un polígono dinámico e tando dende a Xunta como dende o Concello temos que axudar a que os novos, os emprendedores teñan as melloras posibilidades para medrar e desenvolver as súas ideas”, engadiu.

Así mesmo, o rexedor lembrou que dende o Concello se puxo en marcha no 2015 o Programa de Axuda a Creación de Emprego, un plan que outorga axudas a fondo perdido de ata 3.000 euros a emprendedores do municipio, “ e con estas novas instalacións damos un paso de xigante no apoio aos nosos emprendedores e emprendedoras, que terán neste viveiro un espazo no que desarrollar durante os primeiros anos de traxectoria os seus proxectos e ideas”, engadiu.

Cuiña destacou ademais que os datos dos municipios con viveiro, indican que o éxito dos novos emprendores aumenta, e que por cada euro investido en instalacións coma estas, as Administracións recuperan un mínimo de 5 euros, “porque hai que ter en conta a creación de postos de traballo e a xeración de riqueza”, argumentou.

Do mesmo xeito, no ámbito da colaboración coa Consellería de Industria, Cuiña lembrou que a Rede de Calor con Biomasa de Silleda, “pioneira en aforro enerxético” segue a ser un referente incluso fóra de Galicia, onde despertou o interese de municipios de Andalucía ou dos asistentes á Feira de Enerxía de Valladolid.

As instalacións tamén están concebidas como punto de reunión, encontro e formación do colectivo empresarial. O presidente da asociación de empresarios do polígono, Juan Carballo, destacou tamén o esforzo feito polas Administracións e agradeceu a inversión realizada.