Silleda, 21 de setembro de 2026. O Concello de Silleda honrou hoxe a memoria do doutor José María Fernández Colmeiro, coincidindo co 128 aniversario do seu nacemento, cun acto conmemorativo no que se descubriu unha placa dedicada á súa figura.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, xunto coas concelleiras Mónica González Conde, Ángela Troitiño e Estefanía Taín, descubriron a placa, coa que o Concello quere deixar un recordo permanente dun dos silledenses cunha traxectoria profesional e científica máis destacada do século XX.
José María Fernández Colmeiro naceu na parroquia da Toxa, en Silleda, o 21 de setembro de 1898. Sendo aínda novo emigrou a Montevideo, onde cursou estudos de Medicina e iniciou unha importante carreira profesional.
A súa vida estivo tamén marcada polo seu compromiso coa República e polas consecuencias da Guerra Civil. O exilio levouno posteriormente a Francia, onde desenvolveu en París boa parte da súa actividade médica e investigadora, especialmente no ámbito da oncoloxía, chegando a estar vinculado á Fundación Curie e acadando un notable recoñecemento profesional.
Co descubrimento desta placa, (que incorpora un Código QR coa traxectoria de Fernández Colmeiro) o Concello de Silleda pretende contribuír á recuperación e divulgación da súa figura e achegar ás novas xeracións a historia dun médico e investigador nacido no municipio que desenvolveu unha destacada carreira fóra de Galicia.
A homenaxe forma parte do programa municipal de Memoria Democrática, que arrancou o pasado 12 de setembro co Roteiro do Siñor Afranio, arredor da figura de Antón Alonso Ríos, e que continuará o vindeiro 2 de outubro co recoñecemento a Teófilo del Valle.
A iniciativa busca recuperar do esquecemento figuras vencelladas ao municipio e poñer en valor as súas traxectorias persoais, profesionais e humanas como parte da memoria colectiva de Silleda.
Tamén se iniciarán os trámites oportunos para que o Centro de saúde de Silleda leve oficialmente o nome do doutor nado na aldea de Toxa, tal e como acordara no seu día o Pleno do Concello.
