Silleda inicia unha campaña para mellorar o transporte público e reclamarlle á Xunta máis autobuses a primeira hora da mañá

– Pídelle á veciñanza que informe a través de Liña Verde dos retrasos nas liñas, de saídas antes de tempo ou de que o bus non para por ir cheo

– Mobilidade respondeu ás reclamacións feitas polo goberno local en outubro solicitándolle datos concretos de horarios, orixes e destinos para ver de incrementar os servizos

– Dende a Consellería recoñecen incumprimento de horarios das concesións XG817 e XG860 e xa apercibiron á concesionaria

Silleda. 4-5-2024.- O Concello de Silleda vai por en marcha unha campaña solicitando a colaboración cidadá para mellorar o servizo de transporte público no municipio. “Precisamos que a veciñanza nos informe a través da aplicación Liña Verde cando haxa retrasos nas liñas de autobuses, se chegan tarde ás paradas, se saen antes do horario establecido ou se non paran porque van cheos”, explica a alcaldesa. O obxectivo é poder trasladarlle estes datos a Xunta de Galicia para “que poidan reforzar os servizos máis deficitarios no noso municipio, como xa lle solicitamos o pasado mes de outubro”, engade Paula Fernández, que é consciente do malestar da veciñanza coa empresa concesionaria.

O pasado mes de outubro, o goberno municipal solicitoulle á Consellería que reforzara o transporte público a primeiras horas da mañá e que se solucionaran as deficiencias detectadas pola cidadanía. Hai uns días, o Concello recibiu a resposta da Xunta, que pide máis datos para reforzar os servizos matinais e informa que que só detectou retrasos de máis de 10 minutos en 8 das 209 expedicións analizadas durante o mes de febreiro. A Xunta tamén recoñece que lle requiriu á empresa responsable das concesións XG817 e XG860 para que realice os servizos nos horarios establecidos.

“En Silleda necesitamos reforzar as liñas de transporte público, sobre todo pola mañá, e que se cumpran os horarios establecidos. Só deste xeito poderemos manter a nosa aposta por unha mobilidade sostible”, asegura Paula Fernández. Para obter eses datos, a alcaldesa solicita a colaboración de toda a veciñanza, e pídelle usen a aplicación Liña Verde para trasladar tamén as incidencias no transporte público. “Queremos que nos avisen cando un autobús chega máis de 10 minutos tarde ou sae da parada antes do seu horario. Que nos digan se non para nos lugares establecidos porque vai cheo e todas as incidencias que consideren”, engade.

O Concello vai colocar nas marquesiñas dos autobuses carteis informativos animando á cidadanía a participar nesta campaña. “Nós queremos seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza e darlle resposta a carta da Xunta para que Silleda teña un transporte público acorde ao século XXI e seguir fomentando unha mobilidade sostible no noso municipio”, conclúe Paula Fernández.