Silleda instala o sistema de control horario por pegada dixital

-Os tres lectores a tal efecto quedaron instalados hoxe en tres dependencias municipais

-A concelleira de persoal mantivo unha nova reunión cos representantes sindicais co fin de informar sobre o procedemento

Silleda, 11 de maio de 2016.  Esta mañá procedeuse á instalación dos dispositivos de control horario por pegada dixital nos tres núcleos municipais que prestarán este servizo. Así a casa do concello, (onde fichará persoal de oficinas centrais, emprego, e urbanismo), a nave de obras, e as dependencias de servizos sociais xa contan co aparato lector de pegada, mentres que o resto do persoal fichará telemáticamente.

Tal e como explicou a concelleira de persoal nunha reunión mantida onte cos representantes sindicais, este dispositivo permitirá, ademais de controlar as horas de entrada e saída, a solicitude de días de asuntos propios, vacacións, e demais permisos, vía telemática, co cal se acelerarán os trámites, permitindo á súa vez ó traballador, controlar a xestión dos seus propios días, tendo en conta os trienios, entre outras cousas. Igualmente poderanse escanear as baixas e presentalas, aforrando o trámite de presentación persoal. A tales efectos, cada traballador disporá da súa propia clave.

O sistema estará operativo cara o mes de xuño. Previamente haberá un período de proba e adaptación, ademais de unha xornada formativa destinada a todo o persoal.