· A programación desenvolverase a partir das 17:00 horas na Praza Siñor Afranio e na rúa Cartaxena, con música, danza, gastronomía, obradoiros, xogos populares e mostras culturais
· Baixo o lema “Un pobo, moitas culturas”, a iniciativa reunirá propostas de distintos países e comunidades presentes no municipio
Silleda, 9 de xuño de 2026. O Concello de Silleda celebrará este sábado, día 13 de xuño, unha xornada intercultural baixo o nome Silleda Integra, unha iniciativa coa que se busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio e favorecer espazos de encontro, convivencia e participación entre a veciñanza.
A actividade, que dará comezo ás 17:00 horas, desenvolverase na Praza Siñor Afranio e na contorna da rúa Cartaxena, baixo o lema “Un pobo, moitas culturas”. A programación inclúe propostas de música e danza, gastronomía do mundo, obradoiros, exposicións, historias, xogos populares e actividades para todos os públicos.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destaca que esta xornada “é unha oportunidade para celebrar aquilo que nos une e tamén todo o que nos enriquece como sociedade”. “Silleda é hoxe un municipio plural, diverso e acolledor, e esa diversidade é tamén unha das nosas fortalezas”, sinala.
Na mesma liña, subliña que Silleda Integra “nace coa vontade de xerar comunidade, de abrir espazos para coñecernos mellor e de visibilizar as culturas, tradicións e historias das persoas que forman parte da vida diaria do noso concello”.
A xornada arrancará ás 17:00 horas cunha actuación musical de Arxentina e co inicio dos distintos obradoiros, entre eles propostas de coloreado de Colombia, escarapelas arxentinas, henna e letras árabes de Marrocos, bodoque de arxila de Paraguai, arepas de Venezuela e trenzas máxicas tamén de Venezuela.
A programación inclúe presentacións a cargo de representantes de Rumanía, Cuba e actuacións musicais e de baile de Venezuela, Colombia, Paraguai e do grupo folclórico local Xirandola.
Ás 19:00 horas terá lugar unha mostra de traxes tradicionais, coa participación de Marrocos, Paraguai, Rumanía, Venezuela e Silleda. A partir das 19:15 e ata as 21:00 horas desenvolveranse as degustacións gastronómicas, nas que a veciñanza poderá achegarse a diferentes sabores e receitas representativas das culturas participantes.
O espazo da xornada contará tamén con zonas diferenciadas para xogos populares, obradoiros, escenario, ademais dos distintos postos culturais e gastronómicos vinculados aos países participantes.
Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a participar nesta celebración aberta e familiar, concibida como unha festa da convivencia e da diversidade. “Queremos que sexa unha tarde para compartir, aprender, gozar e seguir construíndo unha Silleda máis inclusiva, máis aberta e máis unida”, engaden dende o goberno municipal.
