Silleda irmandarase co municipio portugués de Paredes de Coura e co francés de Canèjan

-Os tres socios realizarán actividades de intercambio cultural e de experiencias sobre o sector agrogandeiro, ao tempo que concorrerán a un programa de financiamento europeo

Silleda, 18 de xullo de 2016.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e o primeiro tenente de alcalde, Klaus Brey, desprazáronse onte ao municipio luso de Paredes de Coura para avanzar no proxecto de irmandamento de ambos concellos, que xa son socios na solicitude de fondos do Espazo Atlántico para o Centro de Desenvolvemento Agrario que impulsa Trasdeza.

Silleda promove este irmandamento co concello portugués, así coma coma co municipio de Canèjan, en Francia, dado que os tres teñen en común unha presenza importante da actividade agraria na economía local, un marcado carácter rural, un destacable patrimonio cultural e natural e todos se vertebran en torno a un río, ademais de ter un emprazamento xeográfico atlántico.

Non é o primeiro irmandamento para os futuros socios de Silleda, pois Canèjan está actualmente irmandado co concello italiano de Poggio Mirteto dende o ano 2003, mentres que Paredes de Coura mantén a mesma relación co municipio francés de Cenom dende o 2008.

Tralo acto formal de irmandamento coa firma do acordo de amizade, que terá lugar en vindeiros días, os tres municipios porán en marcha actividades de intercambio cultural a través das súas asociacións, así coma tormentas de ideas sobre boas prácticas en materia medioambiental e tamén de experiencias sobre medidas de apoio ao sector agrogandeiro.

A intención tamén é a de concorrer á posibilidade de financiamento dos irmandamentos, a través do programa europeo “Europa con los Ciudadanos”, que ten aberta a convocatoria ata o vindeiro 1 de setembro.

Ao acto acudiron, ademais dos dous representantes de Trasdeza, o Presidente da Cámara de Paredes de Coura, Vitor Paulo Pereira, e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, que puxo en contacto a Silleda co municipio portugués.