Silleda recibe aos dous nenos saharauís de Vacacións en Paz

-O alcalde, Manuel Cuíña e varios concelleiros recibiron aos dous nenos no concello xunto coas súas familias de acollida

Silleda, 21 de xullo de 2016.  O Concello de Lalín acolleu na mañá de hoxe unha recepción a os dous nenos saharauís que pasarán no municipio as vindeiras semanas. Trátase de Fatimetu e Habib, de 10 e 9 anos respectivamente, que participan no programa de Vacacións en Paz, e que asistiron ao acto acompañados das súas familias de acollida.

Na recepción estivo presente o rexedor trasdezá, Manuel Cuíña, xunto cos concelleiros Ana Luisa González, Klaus Brey, Jesús Taboada, e Pili Peón. Os nenos recibiron un lote de agasallos do concello por parte da comitiva.

Estes nenos, nacidos en campamentos de refuxiados saharauís, e privados do máis elemental, sobreviven dificilmente todo o ano grazas á axuda internacional. Durante a súa estancia no concello acudirán a revisións médicas e poderán disfrutar da vida cotiá da localidade.

Fatimetu pasará as vindeiras semanas en Silleda xunto con Yolanda Mato e Agustín Crespo, e Habib fará o propio na parroquia de Lamela con Marisa Collazo, a súa nai de acollida.

Os rapaces chegaron o pasado sábado 16 de xullo e permanecerán no concello ata a primeira semana de setembro.

Manuel Cuíña agradeceu ás familias de acollida a colaboración co programa de Vacacións en Paz, e animou unha vez máis aos veciños e veciñas a sumarse ao programa en vindeiras convocatorias, para acoller aos nenos e nenas que viven nos campamentos de refuxiados, e que grazas a estas iniciativas poderán saír do deserto e deixar, por uns meses as duras condicións de vida que teñen que soportar. Así mesmo tamén tivo unhas cariñosas palabras para os dous nenos saharauís, aos que lles desexou unha feliz estadía no concello.