Silleda recibe unha subvención para o peche das pistas de padel de O Castro

-Pola mesma axuda dotouse de cuberta ás dúas pistas  no pasado ano.

Silleda, 7 de maio de 2016.  O Concello de Silleda ven de recibir a  notificación da resolución de concesión dunha subvención por importe de 26.446,28 euros para o cerramento de fachadas das pistas de padel de O Castro, o que representa o 80% sobre o orzamento elixible do proxecto, financiándose o resto da actuación con cargo a fondos municipais.

Esta axuda, comprendida dentro das subvencións para a creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o presente ano, co-financiadas polo Feader no marco do programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, é a mesma á que se optou no pasado ano para dotar de cuberta ao recinto.

O proxecto contempla o peche lateral das dúas pistas de padel, cun muro de fábrica de bloque prefabricado de formigón armado, ata unha altura de 3,40 metros, e a continuación unha placa de polipropileno polas fachadas este, oeste, e norte, de 1,40 metros. Finalmente prevese a colocación dunha prancha de aceiro prelacado.

“Esta obra, prevista xa nos orzamentos municipais de este ano, virá a completar o listado de actuacións de mellora en distintas infraestruturas deportivas que se veñen acometendo nos últimos anos”, destaca o alcalde, Manuel Cuíña, que tamén resalta a necesidade da obra, “que sen dúbida mellorará o mantemento e aumentará tanto o rendemento coma a durabilidade dunhas instalacións cada vez máis utilizadas polo público”.

Cabe destacar que xa en pasados meses se mellorou esta infraestrutura, dotándoa dun reloxo temporizador para a iluminación das pistas, actuación que da maior autonomía aos usuarios do recinto, ao non ter que depender de persoal municipal para esa función.

Proxecto das sendas e carril bici

Por outra banda, o goberno municipal segue a traballar na confección do proxecto para ampliar as beirarrúas dende a avenida da Estación ata as pistas deportivas de O Castro, unha dotación que prevé incluír tamén un carril bici para facilitar o acceso ao recinto deportivo e completar o circuíto peonil xunto coa zona de Vilanova, a estrada nacional, e a rúa da Estación.

Esta será unha das inversións municipais con cargo ao orzamento do presente ano, no que se aposta pola mellora de servizos e infraestruturas.