Silleda recolle 18 autorizacións para as cacharelas de San Xoán

-As autorizacións poderanse seguir pedindo ata mañá mércores

Silleda, 21 de xuño de 2016.  O Concello de Silleda rexistra ata o momento 18 solicitudes de autorización para a realización de cacharelas na noite do 23 ao 24 de xuño, con motivo da celebración do San Xoán.

Todas as solicitudes presentadas ata o momento tiveron resolución positiva, co cal se informa a todos os que aínda non o fixeran, pasen a recoller os permisos polo concello.

Das 18 solicitudes presentadas, 6 son para o núcleo urbano de Silleda, outra para A Bandeira, (Asociación Cultural Vista Alegre), e as demais repártense entre as parroquias de Saídres, Lamela, O Foxo, Cortegada, Fiestras, Margaride, Cervaña, Breixa, Escuadro e Piñeiro.

Ao igual que en anos anteriores, os peticionarios deberán ademais cumprir unha serie de normas á hora da facer a fogata:

–         O volume de combustible da cacharela non superará os 8 metros de perímetro, nin os 3 de altura.

–         A separación entre as cacharelas e os edificios ou árbores será como mínimo de 12 metros.

–         Terán que por especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así coma de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

–         Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites, e en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.

–         En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión, (sprais), aínda que éstes estean baleiros.

–         No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.

–         Ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas.

O cumprimento de todas estas normas será verificado. Lémbrase ademais o telefono do Servizo de Bombeiros, (986.581.400), para calquera incidente que puidera acontecer.

Dende o Concello de Silleda tamén se comunica que mañá mércores será o último día para recoller as solicitudes de autorización para a realización das cacharelas.