O Concello de Silleda vén de contratar o subministro de electricidade de todos os edificios municipais a través da Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), conseguindo así unha redución significativa do gasto enerxético. O custo anual da electricidade dos centros municipais pasa de 275.000 euros a 188.000 euros, o que supón un aforro do 32% nas arcas municipais.
Parte deste aforro vincúlase tamén á optimización das potencias contratadas que o Concello puxo en marcha fai uns meses en colaboración coa empresa silledense Efyciencia Enxeñería, “talento mozo de Silleda que nos permitiu axilizar este expediente e conseguir estos fantásticos resultados” di a alcaldesa Paula Fernández.
A adxudicación do contrato realizouse no marco do acordo para o subministro de electricidade en alta e baixa tensión da FEMP. Este sistema permite a contratación con condicións máis vantaxosas para as entidades locais, garantindo unha xestión eficiente dos recursos públicos.
A empresa adxudicataria é Endesa Energía S.A., con quen se formaliza un contrato para un período dun ano, sen posibilidade de prórroga. O contrato inclúe, ademais do aforro directo na factura eléctrica, un estudo gratuíto sobre a xeración de enerxía reactiva e a avaliación económica dos equipos necesarios para a súa redución, permitindo así mellorar a eficiencia enerxética dos edificios municipais.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destacou a importancia desta contratación, sinalando que “a través deste sistema conseguimos optimizar os recursos municipais, reducindo custos e garantindo un subministro enerxético en condicións máis vantaxosas para o Concello«. O aforro que logramos reverterase en melloras para a veciñanza e en novas accións para a eficiencia enerxética”.
Con esta medida, o Concello de Silleda avanza cara a unha xestión máis sostible e eficiente dos recursos municipais, reforzando o seu compromiso coa optimización do gasto público e a mellora dos servizos á cidadanía.
Esta medida de aforro vén a complementar a entidade Silleda é Luz, que arrancou a finais de 2023 co contrato do servizo de enerxético e de mantemento integral do alumeado exterior en todo o municipio silledense, adxudicado á empresa Ferrovial.
Ademais do cambio de luminarias a tecnoloxía LED, o que xa está a permitir un considerable aforro no consumo, a iluminación exterior do municipio pasou a ser máis sostible e eficiente.