Silleda reforza a Concellería de obras no rural con catro novas incorporacións

Silleda, 4 de marzo de 2025. O Concello de Silleda segue mellorando os servizos municipais ca incorporación de catro novos funcionarios interinos na Concelleria  de obras no rural para reforzar o departamento durante os próximos 9 meses. Estas novas contratacións permitirán optimizar as intervencións en infraestruturas municipais e atender con maior eficacia as necesidades da veciñanza.

Os novos operarios, que comezaron hoxe mesmo o seu traballo, inclúen un condutor de tractor, que reforzará o servizo de desbroce das vías municipais; un albanel, que asumirá distintos traballos pendentes no rural; e dous operarios especializados, un condutor de retroexcavadora e un condutor de camión, que permitirán ampliar a capacidade de actuación con estas máquinas en tarefas como a apertura de cunetas e outras melloras en infraestruturas.

 

Xa neste primeiro día de traballo iniciaron a apertura de cunetas na zona de Parada e traballos de bacheo e reparación de beirarrúas no casco urbano. Ao longo da semana, está previsto que continúen coa colocación de tubos en Laro e os bacheos en diferentes parroquias do municipio, reforzando así o plan municipal de mellora viaria.

Este reforzo enmárcase no proceso de reorganización interna impulsado pola área de Obras, que agora xestiona Paula Fernández, que sinala que  “con este novo equipo, o Concello de Silleda avanza no seu compromiso de mellorar o mantemento dos espazos públicos e garantir unha resposta máis áxil ás demandas da cidadanía”.

Personal do Plan Máis Provincia

Ademais deste personal, ao equipo de obras e servizos sumaránse nas vindeiras outras sete persoas como operarias a través da Liña 3 do programa Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.

Para este exercicio, a oferta inclúe tres prazas de operarios varredores/as; outras dúas de operarios/as de bacheo; e 2 para operarios/as de servizos básicos,  para a realización de tarefas vinculadas ao plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais do ano en curso.

Unha vez remitida a través da Oficina de Emprego a lista de persoas candidatas, procederase a realización das probas estipuladas nas bases.