Silleda rexistrou 140 novas altas no censo dende que comezou a campaña de empadroamento

Silleda, 1 de xaneiro de 2017.  O padrón municipal de Silleda rexistrou dende o pasado mes de xullo un total de 140 novas altas. O dato compútase dende o inicio da campaña municipal “Empadróate en Silleda, porque en Silleda somos máis”, unha iniciativa para sensibibilizar á cidadanía sobre a importancia de estar empadroados.

“Aínda que é un dato tímido a nivel global cremos que a campaña está a funcionar e que a xente está cada vez máis concienciada das ventaxas que ten para todos estar empadroados onde se reside”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

As 140 altas non incluen os nacementos dos últimos meses. “Seguiremos traballando con distintas iniciativas, sempre no marcho desta campaña que busca xerar unha inercia e conseguir resultados a medio e longo prazo para non seguir perdendo poboación”, indica o alcalde.

Os datos da última estatística do INE son tamén esperanzadores neste senso, con unha baixada de 30  habitantes no censo, lonxe dos case 200 que se perderon o ano anterior.

A campaña, está orientada sobre todo á concienciación dos case 900 veciños que aínda residindo en Silleda están empadroados noutros concellos.

A perda de poboación implica tamén a perda de fondos de financiación directa por parte dos organismos supramunicipais, “algo que repercute negativamente no interese xeral ao perder capacidade inversora e a merma de servizos”, lembra o alcalde.

Silleda Park e concurso

No marco da campaña xa se puxeron en marcha iniciativas coma o concurso “Nas festas somos máis”, dotado con 1.500 euros e que gañou a Asociación Socio cultural de Cortegada (organizadora da festa da Paella), ou o reparto de entradas gratis para acceder ao Silleda Park para os nenos e nenas empadroados no municipio.

As entradas seguen a repartirse durante toda a semana.